Ante a polémica xurdida ao redor do proxecto do paseo d’A Seara, entre a Casa do Mar e O Pontillón, a Asociación Cultural e Recreativa Sueste, quere dar a coñecer a ratificación do acordo firmado no 2009 entre a nosa Asociación e os irmáns Pedro e Gonzalo Riobó Costa, usufrutuarios da concesión do “Estaleiro de Casqueiro”, dedicado á construción e reparación de embarcacións de madeira. O antedito acordo baséase nunha cooperación onde os irmáns Riobó Costa, ceden parte do espazo do estaleiro mencionado para as actividades organizadas pola Asociación Sueste.
Aproveitamos a ocasión de confusión da veciñanza, para abrir as instalacións que utilizamos e dar a coñecer os nosos proxectos a todo aquel que queira saber máis das Embarcacións Tradicionais e as Carpintarías de Ribeira. Para isto organizamos unha charla-exposición na cal contaremos coa presencia de Victor Fernández, representante da Federación Galega pola Cultura Fluvial (onde estamos federadas unhas 50 Asociacións de Embarcacións Tradicionais de toda Galicia) e Juan Fernández Rivas, arquitecto de Moaña .
O noso presidente falará do auxe e importancia da recuperación do mundo das Embarcacións Tradicionais Galegas e as actividades levadas a cabo nestes últimos anos, facendo fincapé no exitoso Encontro de Embarcacións de Galicia que se ven celebrando cada dous anos en distintos lugares da costa galega.
Por outra banda, o arquitecto Juan Fernández Rivas presentará un proxecto alternativo ao Paseo Marítimo para a Seara cunha charla explicativa e unha exposición de paneis para visualizar todo o seu traballo.
A exposición manterémola aberta os días 12, 13, 18, 19 e 20 de Abril.
Membros nosa Asociación e os irmáns Pedro e Gonzalo Riobó Costa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario