Incendio da Carpintaría de Francisco Fra en San Cibrao
Lamentabelmente repetiuse a historia, e desta volta tocou na
Mariña Luguesa.
Onte fomos coñecedores da perda da carpintaría de ribeira de
Francisco Fra por mor dun lume que, segundo todo apunta, foi provocado.
Non é un caso novo. No pasado non tan lonxano a carpintaría
de Casqueiro, en Moaña, sufriu un episodio similar, e non nos resistimos a pensar
que hai unha relación directa entre estes sinistros e os intereses urbanísticos que, de xeito
completamente erróneo e interesado, contrapoñen un malentendido progreso á salvagarda dos nosos
bens patrimoniais e culturais, como sen dúbida representa unha carpintaría de ribeira,
actuando incluso en contra da necesaria desestacionalización e sostibilidade do turismo.
Pola súa propia definición, estas instalacións industriais
milenarias ocupan áreas litorais que, co paso do tempo, foron soportando unha crecente e
avasaladora presión urbanística, materializada na construción de paseos marítimos que na
maior parte dos casos prescinden do valor histórico deses lugares, secuestran os seus usos
tradicionais e contabilizan todo o seu valor en termos de interese turístico ou comercial.
Os colectivos de salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial
galego, reunidos na
Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, temos que
denunciar unha vez máis esta miope perspectiva. A cultura e o patrimonio, neste caso
marítimo e industrial, representa un valor que suma, e suma moito máis que o cemento e o asfalto.
Así o corroboran distintos proxectos que, renacidos en
algúns casos das cinzas dalgunhas destas carpintarías, volveron diametralmente a mirada e
descubriron que a nosa historia, a nosa cultura, e por suposto as instalacións industriais que,
como esta carpintaría, representan xeracións de traballo, investigación e transmisión de
saberes, son un valor único que toda a sociedade, desde as altas institucións a toda a cidadanía,
debe coidar e preservar.
No caso particular de Fra, acabamos de perder unha das
poucas carpintarías que quedan en Galicia coa súa fasquía tradicional, incluíndo multitude de
obxectos e documentos que darían para encher as vitrinas dun grande museo. Estamos a
falar de planos de barcosúnicos, construídos por Paco e polos seus antecesores,
maquetas, medios cascos, pezas, ferramentas , maquinaria, fotografías e ... Folga seguir.
A convivencia entre o tradicional e o moderno non é en
absoluto obxecto de rifa.
Recentemente téñense aprobado proxectos nos que esta
cohabitación non só é posíbel, senón que ademais achega un valor significativamente maior.
É o caso por exemplo de Moaña, Bueu ou O Freixo, onde despois de anos de loita,
finalmente as institucións(concellos afectados, deputacións, consellarías...), viron
por fin a oportunidade de que as xentes, oriúndas e visitantes, teñan a posibilidade de
desfrutar no percurso dos seus paseos das vellas carpintarías instaladas ao pé do mar onde tantas
e tantas historias se teñen fraguado, desde as primeiras técnicas construtivas
transmitidas de pais a fillos, ás tratas entre carpinteiros e armadores ou ás grandes singraduras
daqueles navíos construídos nelas.
Pois así as cousas, de novo alguén virou costas á historia e
ao futuro, e decidiu que o valor da carpintaría de Paco Fra equivale ao dunha montaña de
cinza.
Desexamos rematar esta nota enviando unha enorme aperta ao
noso compañeiro Paco, todo o apoio de Culturmar e do mundo da salvagarda do patrimonio
e da cultura, con letras maiúsculas, así como un grito de rabia por este novo
atentado contra algo que pertence a todo o pobo galego e unha chamada ás autoridades para que de
maneira clara arrimen decididamente o ombreiro (e os recursos) para garantir que
non se volva producir unha perda tan grave, e lamentabelmente reiterada, como esta e
que definitivamente os elementos patrimoniais e identitarios do noso país fiquen protexidos
fronte atrocidades como esta.
Recibe amigo Paco a nosa aperta e solidariedade.
Cambados, 5 de xullo de 2023