miércoles, 5 de julio de 2023

NOTA DE PRENSA SOBRE O INCENDIO NA CARPINTERÍA DE RIBEIRA DE FRANCISCO FRA EN SAN CIBRAO

 

Incendio da Carpintaría de Francisco Fra en San Cibrao

 

Lamentabelmente repetiuse a historia, e desta volta tocou na Mariña Luguesa.

Onte fomos coñecedores da perda da carpintaría de ribeira de Francisco Fra por mor dun lume que, segundo todo apunta, foi provocado.

Non é un caso novo. No pasado non tan lonxano a carpintaría de Casqueiro, en Moaña, sufriu un episodio similar, e non nos resistimos a pensar que hai unha relación directa entre estes sinistros e os intereses urbanísticos que, de xeito completamente erróneo e interesado, contrapoñen un malentendido progreso á salvagarda dos nosos bens patrimoniais e culturais, como sen dúbida representa unha carpintaría de ribeira, actuando incluso en contra da necesaria desestacionalización e sostibilidade do turismo.

Pola súa propia definición, estas instalacións industriais milenarias ocupan áreas litorais que, co paso do tempo, foron soportando unha crecente e avasaladora presión urbanística, materializada na construción de paseos marítimos que na maior parte dos casos prescinden do valor histórico deses lugares, secuestran os seus usos tradicionais e contabilizan todo o seu valor en termos de interese turístico ou comercial.

Os colectivos de salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial galego, reunidos na

Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, temos que denunciar unha vez máis esta miope perspectiva. A cultura e o patrimonio, neste caso marítimo e industrial, representa un valor que suma, e suma moito máis que o cemento e o asfalto.

Así o corroboran distintos proxectos que, renacidos en algúns casos das cinzas dalgunhas destas carpintarías, volveron diametralmente a mirada e descubriron que a nosa historia, a  nosa cultura, e por suposto as instalacións industriais que, como esta carpintaría, representan xeracións de traballo, investigación e transmisión de saberes, son un valor único que toda a sociedade, desde as altas institucións a toda a cidadanía, debe coidar e preservar.

No caso particular de Fra, acabamos de perder unha das poucas carpintarías que quedan en Galicia coa súa fasquía tradicional, incluíndo multitude de obxectos e documentos que darían para encher as vitrinas dun grande museo. Estamos a falar de planos de barcosúnicos, construídos por Paco e polos seus antecesores, maquetas, medios cascos, pezas, ferramentas , maquinaria, fotografías e ... Folga seguir.

 

A convivencia entre o tradicional e o moderno non é en absoluto obxecto de rifa.

Recentemente téñense aprobado proxectos nos que esta cohabitación non só é posíbel, senón que ademais achega un valor significativamente maior. É o caso por exemplo de  Moaña, Bueu ou O Freixo, onde despois de anos de loita, finalmente as institucións(concellos afectados, deputacións, consellarías...), viron por fin a oportunidade de que as xentes, oriúndas e visitantes, teñan a posibilidade de desfrutar no percurso dos seus paseos das vellas carpintarías instaladas ao pé do mar onde tantas e tantas historias se teñen fraguado, desde as primeiras técnicas construtivas transmitidas de pais a fillos, ás tratas entre carpinteiros e armadores ou ás grandes singraduras daqueles navíos construídos nelas.

Pois así as cousas, de novo alguén virou costas á historia e ao futuro, e decidiu que o valor da carpintaría de Paco Fra equivale ao dunha montaña de cinza.

Desexamos rematar esta nota enviando unha enorme aperta ao noso compañeiro Paco, todo o apoio de Culturmar e do mundo da salvagarda do patrimonio e da cultura, con letras maiúsculas, así como un grito de rabia por este novo atentado contra algo que pertence a todo o pobo galego e unha chamada ás autoridades para que de maneira clara arrimen decididamente o ombreiro (e os recursos) para garantir que non se volva producir unha perda tan grave, e lamentabelmente reiterada, como esta e que definitivamente os elementos patrimoniais e identitarios do noso país fiquen protexidos fronte atrocidades como esta.

 

Recibe amigo Paco a nosa aperta e solidariedade.

 

Cambados, 5 de xullo de 2023

No hay comentarios:

Publicar un comentario