jueves, 27 de septiembre de 2018

Arquitecturas de ribeira

Na Voz de Galicia do pasado martes aparecía este reportaxe fotográfico co tema da carpintería de ribeira con fotos sacadas no noso estaleiro. 

 Un traballo similar sa aparecera no ano 2013 baixo o titulo de "Carpinteiros do mar"  daquela compartindo protagonismo co xa falecido Señor Laxes de Domaio que continuaba a construír un bote a pesares dos seus 86 anos.

La Voz de Galicia-Arquitecturas de ribeira.


Foto.-Xoan Carlos Gil

miércoles, 26 de septiembre de 2018

martes, 25 de septiembre de 2018

Novos usos para os nosos vellos barcos


A asociación Sueste vai realizar a 3ª edición da acción “Novos usos para os nosos vellos barcos” patrocinada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Este programa levarase a cabo os sábados día 29 de setembro e 6 de outubro, en sesión de mañá e tarde. 

Sueste pretende con este proxecto que os mozos e mozas, entre os 15 e 35 anos de idade, a quen se dirixe o programa, durante dous sábados de setembro e outubro, descubran, coñezan, poñan en valor e cheguen a aprezar o novo uso que se lles pode dar aos “vellos barcos” dos nosos avós reutilizándoos para novas actividades de lecer, ou que os descubran como posible foco de actividades turísticas fóra dos circuítos habituais de sol e praia e polo tanto como posible nicho de negocio. En resumo, queremos dar a coñecer este rico patrimonio marítimo galego, poñéndoo en valor e dándolle un novo uso, evitando que sexan meros obxectos museísticos.

Para acadar esta finalidade, proposta por Sueste, é preciso a realización de varias actividades, todas elas relacionadas co contorno dos barcos. Propoñemos varias: visita a un estaleiro de Ribeira e estudo das embarcacións tradicionais que alí se construían, obradoiro de nós, construción de maqueta ou medio casco, formación teórica de navegación, colaboración na recuperación dunha embarcación e, por suposto, navegacións en barcos tradicionais.

As actividades propostas no marco do proxecto que a Asociación Sueste presenta “Novos usos para os nosos vellos barcos” atende a varias das áreas de atención prioritaria xa que o programa proposto é globalizador e as súas actividades permiten cubrir varias áreas de atención prioritaria:

  • Iniciativa Xove Emprendedora. 
  • Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas.
  • Conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor. Dinamización da lingua galega entre a mocidade.
Podemos resumir en dous os obxectivos xerais propostos para o proxecto “Novos usos para os nosos vellos barcos”. Estes obxectivos xerais podemos desglosalos noutros máis específicos:

  1. -   Dar a coñecer aos mozos e mozas as embarcacións tradicionais, as técnicas de navegación a vela tradicional, a súa construción e mantemento, a contorna que rodea os barcos.
  2. -   Darlle un novo uso ás embarcacións tradicionais.          
   
A acción é gratuíta para os participantes pois está subvencionada pola Dirección Xeral de Xuventude. Os interesados en inscribirse poderán facelo a través do correo da asociación Sueste. Inscribiranse por orde de chegada da solicitude. Os menores de 18 anos deberán estar autorizados polos seus pais ou titores. O número de prazas ao dispor dos interesados é de 18. Na edición do pasado ano participaron 20 mozos e mozas.