Moaña converterá por primeira vez á ría de Vigo
na capital europea da cultura marítima
Compartir en FacebookCompartir en TwitterCompartir en Whatsapp
PorMetropolitano
10/07/2021
O Museo do Pobo
Galego acolleu a presentación oficial
da 15ª edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG), que se celebrará en Moaña entre os días 5 e 8 de agosto. No acto en Santiago de
Compostela estiveron presentes os máximos responsables das tres entidades
organizadoras: a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar, a
Asociación Cultural Recreativa Sueste e o Concello de Moaña, ademais de
representantes da Deputación de Pontevedra, a Consellería do Mar e a Fundación
Pública Artesanía de Galicia. O gaiteiro internacional de Moaña, Anxo Lorenzo,
interpretou dúas pezas musicais no comezo e despedida do acto.
O presidente de
Culturmar e do comité organizador, Xosé Luis Sacau, calificou o EETG como “a gran
festa da cultura mariñeira de Galicia” e un dos eventos “máis respectados e queridos”
que se celebran ao longo de toda Europa. Sobre a vila que este ano acolle o
Encontro, Sacau Fontenla lembrou que en Moaña se atopa o Petróglifo da Borna, “un dos primeiros signos
rupestres nos que se representa a milenaria actividade da navegación en
Galicia, e a Ría de Vigo, que con Martín Códax e Meendinho puxo o seu mar no
máis alto da literatura universal”.
O presidente de
Culturmar aproveitou a presentación para falar da necesidade dunha estratexia
“decidida para impulsar unhas Mariñas Tradicionais que dean acubillo nos portos
galegos ás nosas frotas dun xeito digno, obtendo así o valor engadido do seu
uso patrimonial, en harmonía cos usos profesionais e deportivos”. O presidente
de Culturmar explicou que se trata dun “valor que poucos países posúen e que
nos sitúa á cabeza das oportunidades de promoción cultural, social, deportiva
ou turística”. A este respecto, engadiu que “precisamos tamén, e con urxencia,
que esta frota goce das medidas de protección necesarias para que o rumbo se
manteña firme, a través do recoñecemento
das nosas embarcacións como bens patrimoniais e da aplicación das medidas de
salvagarda que a lei establece”.
Pola súa banda,
o presidente da Asociación Cultura e
Recreativa Sueste, Pablo
Martínez, encargada de propor a Moaña como sede deste XV Encontro, falou
do “forte vencello
histórico” da vila morracense co mar e coa cultura marítima. “A súa frota da
ardora tivo unha dimensión considerable, chegando a ser un dos portos de pesca de
litoral máis importantes da Península”, lembrou. Martínez Otero explicou que
este vínculo de Moaña co mar pervive na gran actividade económica que na vila
se realiza grazas, por exemplo, á produción acuícola de mexillón, ao marisqueo
a pé e a flote, á pesca artesanal e de cerco ou á extracción de navalla.
O presidente de
Sueste explicou tamén que Moaña
“mantén ano tras ano unha rica mostra de actividades
e eventos relacionados co mar e a cultura marítima”, entre as que destacou a
Festa do Mexillón, a Xuntanza de Embarcacións Tradicionais, o remo de
traiñeiras e unha oferta de ocio con festivais como o Intercéltico, O Folclore
do Mar. “Todas elas son testemuñas claras desta unión de Moaña e o Mar”,
afirmou.
Leticia
Santos Paz, alcaldesa
de Moaña, mostrouse feliz por acoller esta 15! edición que, coma varios
intervintes dixeron, “se vai celebrar contra vento, marea e coronavirus”, e
lembrou que Moaña é o
primeiro destino do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se
celebra dentro da ría de Vigo. A rexedora local asegurou que a veciñanza vai
recibir feliz “a todas aquelas persoas que decidan facer de Moaña o seu
destino” entre os días 5 e 8 de agosto. Moaña tamén será a primeira vila que
acolla o evento en pandemia, “pero iso non pode deternos”, puntualizou a
alcaldesa, para rematar dicindo que “o importante é ter lugares seguros para
compartir cultura e socializar”.
Santos Paz fixo
referencia á grande tradición da cultura marítima na vila e explicou que “se queremos saber quen somos, temos que
saber de onde vimos”. Ademais, na
súa intervención lembrou que en Moaña “o mar non é só dos homes, senón que as
mulleres teñen un protagonismo especial o que fará que este Encontro sexa
diferente”.
A xerente da
Fundación Pública Artesanía de Galicia, dependente da Dirección Xeral de
Comercio e Consumo da Xunta, falou da importancia de apoiar este tipo de eventos. Elena Fabeiro explicou que, este ano,
“pensamos que o mellor era divulgar os vellos saberes dos traballos de
carpintaría de ribeira” e así o farán no Encontro de Moaña.
María
Ortega, deputada do
Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Memoria Histórica e Lingua da
Deputación de Pontevedra, asegurou que “para min, ademais de como deputada, é un
orgullo como moañesa o feito de que Moaña se converta na ‘capital europea da cultura
marítima’ cun evento marabilloso que vai beneficiar a toda a comarca do
Morrazo, a toda a ría de Vigo e á comarca de Pontevedra, pola chegada de
delegacións de persoas de moitas localidades, se cadra non tantas como deberían
pola situación de pandemia que aínda nos toca vivir”. Ortega Iñarrea entende
que este encontro “servirá para a dinamización social potenciando un turismo
sustentable, nun momento no que o turismo asociado ao patrimonio está a medrar
a un ritmo moi superior ao tradicional de sol e praia, poñendo o foco no
interesante que é o consumo de experiencias turísticas na costa”. Ademais,
subliñou o apoio da Deputación no relativo ao patrimonio marítimo fluvial da
provincia e lembrou a nova liña de subvencións posta en marcha neste mandato
“que pretende poñer en valor, conservar e divulgar a nosa riqueza mariñeira”.
A conselleira
do Mar, Rosa Quintana, foi a encargada de pechar
o acto de presentación en Compostela do EETG. Quintana referiuse ao EETG como un evento “que
olla desde a contemporaneidade pola posta en valor e preservación da cultura
mariña tradicional galega e que constitúe un espectáculo único sobre o mar,
unha festa de exhibición patrimonial protagonizada pola nosa frota tradicional,
que porá en valor a súa riqueza, e a visualizará ante a necesidade de manela e
conservala”.
A conselleira afirmou
que a ría de Vigo e Moaña “proporcionan un enclave único, como única será a
fotografía da frota fondeada na enseada de Moaña, unha estampa que vai
percorrer o mundo”. Na súa intervención, tamén destacou o traballo que se está
a facer desde Galicia para preservar o patrimonio marítimo-pesqueiro e anunciou
o deseño do Plan da Cultura Marítima con horizonte 2030, “que se realizará no
marco dun convenio de colaboración asinado esta semana entre a Consellería do
Mar e a Universidade da Coruña”. A titular da Consellería do Mar explicou que
“este traballo abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas
das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo”.
Tags: marMoañaO Morrazo