lunes, 12 de julio de 2021

Metropolitano.

 Moaña converterá por primeira vez á ría de Vigo na capital europea da cultura marítima


 

Compartir en FacebookCompartir en TwitterCompartir en Whatsapp

PorMetropolitano

 10/07/2021

O Museo do Pobo Galego acolleu a presentación oficial da 15ª edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG), que se celebrará en Moaña entre os días 5 e 8 de agosto. No acto en Santiago de Compostela estiveron presentes os máximos responsables das tres entidades organizadoras: a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial-Culturmar, a Asociación Cultural Recreativa Sueste e o Concello de Moaña, ademais de representantes da Deputación de Pontevedra, a Consellería do Mar e a Fundación Pública Artesanía de Galicia. O gaiteiro internacional de Moaña, Anxo Lorenzo, interpretou dúas pezas musicais no comezo e despedida do acto.

O presidente de Culturmar e do comité organizador, Xosé Luis Sacau, calificou o EETG como “a gran festa da cultura mariñeira de Galicia” e un dos eventos “máis respectados e queridos” que se celebran ao longo de toda Europa. Sobre a vila que este ano acolle o Encontro, Sacau Fontenla lembrou que en Moaña se atopa o Petróglifo da Borna, “un dos primeiros signos rupestres nos que se representa a milenaria actividade da navegación en Galicia, e a Ría de Vigo, que con Martín Códax e Meendinho puxo o seu mar no máis alto da literatura universal”.

O presidente de Culturmar aproveitou a presentación para falar da necesidade dunha estratexia “decidida para impulsar unhas Mariñas Tradicionais que dean acubillo nos portos galegos ás nosas frotas dun xeito digno, obtendo así o valor engadido do seu uso patrimonial, en harmonía cos usos profesionais e deportivos”. O presidente de Culturmar explicou que se trata dun “valor que poucos países posúen e que nos sitúa á cabeza das oportunidades de promoción cultural, social, deportiva ou turística”. A este respecto, engadiu que “precisamos tamén, e con urxencia, que esta frota goce das medidas de protección necesarias para que o rumbo se manteña firme, a través do recoñecemento das nosas embarcacións como bens patrimoniais e da aplicación das medidas de salvagarda que a lei establece”.


Pola súa banda, o presidente da Asociación Cultura e Recreativa Sueste, Pablo Martínez, encargada de propor a Moaña como sede deste XV Encontro, falou do “forte vencello histórico” da vila morracense co mar e coa cultura marítima. “A súa frota da ardora tivo unha dimensión considerable, chegando a ser un dos portos de pesca de litoral máis importantes da Península”, lembrou. Martínez Otero explicou que este vínculo de Moaña co mar pervive na gran actividade económica que na vila se realiza grazas, por exemplo, á produción acuícola de mexillón, ao marisqueo a pé e a flote, á pesca artesanal e de cerco ou á extracción de navalla.

O presidente de Sueste explicou tamén que Moaña “mantén ano tras ano unha rica mostra de actividades e eventos relacionados co mar e a cultura marítima, entre as que destacou a Festa do Mexillón, a Xuntanza de Embarcacións Tradicionais, o remo de traiñeiras e unha oferta de ocio con festivais como o Intercéltico, O Folclore do Mar. “Todas elas son testemuñas claras desta unión de Moaña e o Mar”, afirmou.

Leticia Santos Paz, alcaldesa de Moaña, mostrouse feliz por acoller esta 15! edición que, coma varios intervintes dixeron, “se vai celebrar contra vento, marea e coronavirus”, e lembrou que Moaña é o primeiro destino do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebra dentro da ría de Vigo. A rexedora local asegurou que a veciñanza vai recibir feliz “a todas aquelas persoas que decidan facer de Moaña o seu destino” entre os días 5 e 8 de agosto. Moaña tamén será a primeira vila que acolla o evento en pandemia, “pero iso non pode deternos”, puntualizou a alcaldesa, para rematar dicindo que “o importante é ter lugares seguros para compartir cultura e socializar”.

Santos Paz fixo referencia á grande tradición da cultura marítima na vila e explicou que “se queremos saber quen somos, temos que saber de onde vimos”. Ademais, na súa intervención lembrou que en Moaña “o mar non é só dos homes, senón que as mulleres teñen un protagonismo especial o que fará que este Encontro sexa diferente”.

A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta, falou da importancia de apoiar este tipo de eventos. Elena Fabeiro explicou que, este ano, “pensamos que o mellor era divulgar os vellos saberes dos traballos de carpintaría de ribeira” e así o farán no Encontro de Moaña.


María Ortega, deputada do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Memoria Histórica e Lingua da Deputación de Pontevedra, asegurou que “para min, ademais de como deputada, é un orgullo como moañesa o feito de que Moaña se converta na ‘capital europea da cultura marítima’ cun evento marabilloso que vai beneficiar a toda a comarca do Morrazo, a toda a ría de Vigo e á comarca de Pontevedra, pola chegada de delegacións de persoas de moitas localidades, se cadra non tantas como deberían pola situación de pandemia que aínda nos toca vivir”. Ortega Iñarrea entende que este encontro “servirá para a dinamización social potenciando un turismo sustentable, nun momento no que o turismo asociado ao patrimonio está a medrar a un ritmo moi superior ao tradicional de sol e praia, poñendo o foco no interesante que é o consumo de experiencias turísticas na costa”. Ademais, subliñou o apoio da Deputación no relativo ao patrimonio marítimo fluvial da provincia e lembrou a nova liña de subvencións posta en marcha neste mandato “que pretende poñer en valor, conservar e divulgar a nosa riqueza mariñeira”.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, foi a encargada de pechar o acto de presentación en Compostela do EETG. Quintana referiuse ao EETG como un evento “que olla desde a contemporaneidade pola posta en valor e preservación da cultura mariña tradicional galega e que constitúe un espectáculo único sobre o mar, unha festa de exhibición patrimonial protagonizada pola nosa frota tradicional, que porá en valor a súa riqueza, e a visualizará ante a necesidade de manela e conservala”.

A conselleira afirmou que a ría de Vigo e Moaña “proporcionan un enclave único, como única será a fotografía da frota fondeada na enseada de Moaña, unha estampa que vai percorrer o mundo”. Na súa intervención, tamén destacou o traballo que se está a facer desde Galicia para preservar o patrimonio marítimo-pesqueiro e anunciou o deseño do Plan da Cultura Marítima con horizonte 2030, “que se realizará no marco dun convenio de colaboración asinado esta semana entre a Consellería do Mar e a Universidade da Coruña”. A titular da Consellería do Mar explicou que “este traballo abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo”.

Tags: marMoañaO Morrazo


No hay comentarios:

Publicar un comentario