Artigo aparecido na Voz de Galicia escrito por Xesús Cancelas Franco, presidente da Agrupación Cultural Nós, no que fala dos primeiros veraneantes que viñan a Moaña a finais do século XIX e principios do XX.
Fernando Cantero na praia do Con con Antonio Sanjurjo, Paz e Tránsito Cid, no ano 1908.
As crónicas da época din que pronunciou un discurso bello y sólido. Era unha persoa de gran implicación social na defensa dos desfavorecidos e representaba un novo modelo de muller polos seus estudos de peritaxe, pola súa vestimenta, era cosmopolita e practicaba varios deportes. A guerra e o franquismo cambiaron a súa vida e a de todos.
Co tempo seguín curioseando na historia dos veraneantes do Con e descubrín por un relato de 1874 de Ramón García Vicetto que había unha magnífica Quinta no Con e que a súa envidiable posición a facía morada predilecta do varias veces ministro José Elduayen, antes de ter comprado o castelo de Monterreal en Baiona. A súa muller, a Marquesa del Pazo de la Merced, seguiu visitando a finca propiedade de Francisco Martínez Villoch, dono da fábrica de conserva do Con.
A principios do século XX era frecuente atopar anuncios na prensa de aluguer de casas de veraneo, ademais de que o transporte de ría tiña unha parada fixa na nosa praia e en 1909 a Gaceta de Madrid (BOE) publicaba a autorización para a construción dun balneario na praia solicitado por Balbino Rodríguez Pombo en nome da sociedade El Progreso de Moaña. Non hai constancia da súa construción.
Os marqueses de Méndez Núñez que vivían en Pontevedra, Vigo e Madrid tiñan fixada a residencia de verán na súa Granxa do Con (O Real) e cada ano a prensa anunciaba a súa presencia. Na primeira metade do XX o número de familias que veraneaban na zona era abundante, desde o xeneral Burguete, Director General da Garda Civil, ata a familia de Antonio Sanjurjo Badía que no día do Carme de 1924 organizou unha verbena na praia pra celebrar a onomástica da neta Carmencita.
En 1943, o mestre Santiago Barreiro, nun folleto publicado analizando a vida local de Moaña di que O Con é a estación veraniega por excelencia poboada de chalés, palacetes e mansións señoriais. Mención aparte merecen os descendentes de Concepción Arenal que desde hai máis dun século veñen veraneando no Con, dándose o caso de que en 1936 parte da familia que se atopaba no seu chalé tivo que quedar durante os anos da guerra residindo en Moaña e aillada do resto da familia que estaba en Madrid.
No hay comentarios:
Publicar un comentario