martes, 23 de junio de 2015

Paseo da Seara



MOAÑA

O executivo moañés negociará coa Xunta que se modifique o paseo de Seara para salvar a carpintaría de ribeira

O trazado do paseo marítimo de Seara é unha das prioridades do novo executivo bipartito de Moaña. Esta mañá, a alcaldesa Leticia Santos, o responsable de Urbanismo e Medio, Odilo Barreiro e o tenente alcalde, Marta Freire, mantiveron unha reunión con representantes da empresa encargada da execución das obras,Covsa, para tratar varios temas, entre os que resaltou o novo paseo.

A intención do goberno moañés é protexer o espazo da carpintaría de ribeira e realizar as modificacións que sexan necesarias para evitar que as obras e o trazado do paseo afecten a unha estrutura que reflicte a historia mariñeira. “Queremos que os veciños disfruten do paseo, pero tamén da carpintaría de ribeira”, aclaran. Por iso, trasladaron á empresa a súa postura, aínda que recordan que se trata dunha obra “allea para o Concello, que non ten poder de decisión, senón que o ten a Xunta de Galicia,”. Malia que a modificación do proxecto non é competencia directa da administración local, o executivo solicitará unha reunión con responsables da Xunta para estudar, xunto ao responsable da obra, unha alternativa que permita a convivencia de ambas as dúas infraestruturas. E é que, tal e como está concibido agora mesmo o proxecto, sería necesario retirar ata seis metros da actual carpintaría, “un risco que non estamos dispostos a admitir posto que podería derrubarse”.

Pola súa banda, a intención do goberno é iniciar o proceso de catalogación como Ben de Interese Cultural das carpintarías de ribeira do municipio para evitar posibles danos. Deste modo, buscaríase potenciar o encanto patrimonial dunhas estruturas que escasean nas Rías Baixas e que posúen gran valor histórico nas vilas de tradición mariñeira.

Avance das obras

Por agora, avanzan os traballos para a construción do novo paseo marítimo de Seara. Os operarios concentran a súa actuación na zona do aparcadoiro próximo ao Centro de Saúde, onde se fará unha modificación do ámbito para adaptalo ao trazado do carril bici e adecualo á senda peonil. Dende o executivo moañés sinalan que é “prioritario” rematar as obras nesta zona para que a vila conte con maior espazo de estacionamento en puntos clave, sobre todo coa chegada do verán.

A actuación continuará avanzando mentres quedan sobre o aire puntos conflitivos como a zona da carpintaría de ribeira, pendente de próximas reunións nas que se concretarían os puntos a seguir.

Morrazoaldia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario