domingo, 21 de julio de 2013

Camiño de O Freixo

O pasado mércores, día 10, fixemos a viaxe dende Moaña ata O Freixo onde se celebra o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia entre os días 11 e 14 de xullo.
A saída, prevista nun principio para o Sábado día 6, tivo que ser posposta por problemas eléctricos no cadro das bombas do Eliseo.
As previsións meteorolóxicas presaxiaban unha travesía aburrida con pouco vento e moita calor. Saímos de Moaña ao despuntar o día e, cando apenas levabamos navegados quince minutos, caeu sobre a ría unha mesta néboa que nos acompañaría xa toda a travesía ata a entrada da ría de Muros-Noia.




A visibilidade foi reducidísima, uns cincuenta metros aproximadamente, e que fomos solventado grazas a unha descarga dun programa de navegación feita ao móbil o día anterior. Tivemos, sen embargo, algúns sustos. O primeiro ocorreu, superado xa o "Con do Pegho", ao atoparnos, como saído da nada, co barco que ía dende Cangas a Vigo. Manobramos ámbolos dous para evitar o choque, navegando en paralelo uns intres para posteriormente tomarlle a popa e seguir o noso rumbo. Barallamos a posibilidade de regresar ou achegarnos a Cangas, pero os "adiantos técnicos" ( a descarga da que comentamos antes) pesaron na decisión de continuar. Máis adiante, escoitamos o ruido das máquinas dun barco moi grande; tiñamos que estar moi preto pero seguiamos sen ver nada, supoñiamos que podería ser un mercante. Oímos unhas pitadas graves, altas e próximas. Si, era un mercante. Tiñamos que estar navegando na canle que empregan os buques mercantes para entrar na ría. Afastámonos desa rota. Ao pouco, escoitamos pola radio que dende o Control de Tráfico Marítimo de Vigo recomendaban ás embarcacións "menores" retirarse da rota dos mercantes para evitar calquera tipo de accidente. O programa descargado seguía funcionando fenomenalmente, íanos indicando as pedras e calquera accidente do relevo que nos íamos atopando. Estabamos pola Porta Norte da ría de Vigo e ... volve xordir como unha pantasma na nosa proa un barco pesqueiro que nos estaba esperando e que, cando nos puido ver, seguíu a súa marcha.


Despois destes incidentes, aproamos para salvar Ons e Sálvora por fóra, manténdonos sempre pendentes de oír algún ruído de motor pola nosa proa, xa que non dispúñamos de radar para localizar os posibles barcos que nos puideramos atopar.


A partires de aquí o único salientable que podemos mencionar foi atoparnos á altura da illa de Ons cunha enorme cantidade de cangrexos, nadando a flor de auga. A estes tipo de cangrexos nós chamabamolles patexos; serviron como substitutos das nécores en momentos de escaseza destas ou cando a abundancia dos patexos era moi grande servían de esterco nas veigas.  Nunca viramos tal cantidade de patexos, en vivo.
Seguimos navegando con esa densísima néboa ata que aproximadamente a unha e media da tarde empezou a abrir o ceo e maila néboa e vislumbramos Corrubedo.


Decidimos seguir a motor para pasar o cabo e logo navegariamos a vela. Fomos sorteando os abundantes baixos polos que é coñecida esta zona e xa pasado Cabo Corrubedo dispuxemonos para o xantar.
Despois de comer izamos as velas e comezamos outra etapa da navegación con visibilidade e un vento frouxo así ata chegarmonos a O Freixo.


A singradura foi bastante longa no tempo, unhas doce horas, pero o Eliseo non podía fallar á cita que cada dous anos a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial convoca para xuntar toda a flota de embarcacións tradicionais galegas e de outras zonas de España.


No hay comentarios:

Publicar un comentario