Foto da Reunión da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do dia de hoxe.
Á Mesa do Parlamento
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa do deputado Daniel Rodas Chapela e da deputada Ana Belén Pontón Mondelo, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, formula a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Comisión, relativa a levar a cabo as medidas oportunas para preservar e por en valor as carpinterías de ribeira do Paseo da Seara (Moaña).
Ven de facerse público que a execución do proxecto de Paseo da Seara está en fase de licitación por un importe de 420.000 euros. O significativo é que o proxecto redactado contempla derrubar unha parte significativa dunha das dúas carpinterías de ribiera que conforman a zona marítima pola que discorre e que incluso chega a cegar a saída de embarcacións para poder acceder a estes estaleiros que no día de hoxe utiliza a Asociación de Recuperación de Embarcacións Tradicionais, Sueste.
Esta información contrasta coa información que ten trasladado o alcalde de Moaña, no sentido de que dito proxecto ía ser reformado para preservar as carpinterías, cumprindo así o que o pleno de Moaña lle pediu, cando rexeitou por maioría a anterior proposta, que lonxe de corrixir mantiña o paseo nas mesmas condicións a expensas de condenar a desaparecer este elementos patrimoniais que cuxos usuarios veñen reclamando que deben pasar a uso público para a súa conservación e posta en valor.
Debemos recordar que a asociación Sueste ven utilizando o estaleiro de Carlagho dende dende o ano 2002 e o estaleiro de Casqueiro dende o ano 2009 no que asinou un convenio de uso cos actuais concesionarios. Usos que van dende o mantemento de embarcacións, construción de novas, realización de campos de traballo e de campamentos xuvenís, atención a grupos de escolares e de adultos, exposicións, recitais, presentación de libros, e un longo etcétera. Un patrimonio que ven sendo avalado por diferentes colectivos sociais de Moaña e pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, formada por 47 asociacións que trasladou o seu apoio publicamente, o pasado día 15 de novembro para traballar pola preservación destas carpinterías de ribeira, a súa posta en valor como patrimonio cultural e industrial, testemuña dunha parte da historia económica e cultural do litoral galego e do pobo de Moaña.
Estas son as razóns que levan ao BNG a formular a seguinte proposición non de lei para a o seu tratamento en comisión:
“O Parlamento galego insta a Xunta de Galiza a levar a cabo as medidas oportunas para preservar e por en valor as carpinterías de ribeira do paseo da Seara (Moaña).”
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2014
Asdo.: Daniel Rodas Chapela
Deputado do G.P. do BNG
Ana Belén Pontón Mondelo
Portavoz s. do G.P. do BNG
Elena Mondelo || O deputado do BNG, Daniel Rodas, defendeu hoxe na Comisión de Pesca unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galicia a poñer en marcha as medidas oportunas para “preservar e por en valor” as carpintarías de ribeira no paseo de Seara, en pleno litoral moañés. Rodas recalcou que o proxecto de construción do paseo marítimo, a punto de comezar, supón o derrubamento das estruturas de gran valor patrimonial.
Na súa intervención, o parlamentario explicou que o proxecto, cuxo importe ascende a 420.000 euros, contempla derrubar unha parte importante dunha das dúas carpintarías de ribeira que cega a saída das embarcacións para poder acceder aos estaleiros que, actualmente, utiliza a Asociación de Recuperación de Embarcacións Tradicionais Sueste.
En canto á Asociación Sueste, o deputado moañés salientou que utiliza o estaleiro de Carlagho dende o ano 2002 e de Casqueiro dende 2009, ano en que se asinou o convenio de usos cos actuais concesionarios para o mantemento das embarcacións, novas construcións, campamentos xuvenís, atención a grupos de escolares e adultos ou exposicións, entre outras actividades.
Daniel Rodas recordou que o BNG xa propuxo un proxecto para recuperar os 310 metros do litoral e que non prosperou, xa que Costas do Estado esixía “6 metros completos de servidume e ningún tramo pilotado”.
Estado actual
O deputado do PP Gonzalo Tenor destacou o estado “deficiente” das carpintarías, unha cuestión que o nacionalista negou asegurando que os propios colectivos que as xestionan son os que mellor “poden valorar o seu uso de xeito racional e o mínimo sería “contar con eles ao ser os máis interesados en seguir mantendo a súa actividade dende o ano 2002 e darlle maior valor”.
Por outra parte, insistiu en que as persoas vinculadas ás carpintarías seguen esperando a que o alcalde de Moaña, José Fervenza, os reciba para “coñecer de primeira man un proxecto” que modificará o patrimonio da vila avalado por diversos colectivos, incluíndo a Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial, conformada por 47 asociacións. Reiterou que as carpintarías son “testemuñas dunha parte da historia económica e cultural do litoral galego e do pobo de Moaña”.
O deputado acusou ao Partido Popular de utilizar o proxecto de “maneira electoralista” utilizando fondos de Portos e da Axencia de Infraestruturas para realizar unha infraestrutura demandada polos veciños pero non “ de calquera maneira e a calquera prezo”. Dende oBNG propoñen “diálogo” para a posta en valor do patrimonio.
May 13, 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario