IMOS A CORME
Pasamos a noite os tripulantes que chegaramos de Moaña, nas instalacións que goza o club de remo de
Muros, onde dispón de varios dormitorios con liteiras. Estivemos toda a noite
escoitando “un marabilloso concerto nocturno interpretado por diferentes barítonos
a varias voces que deleitaban os nosos oídos”. Espectacular!!!
Ao erguernos, vimos que non deixara de chover en toda a
noite e… Non tiñamos roupa de augas!!! Aínda así percorremos, baixo as bágoas que
caían do ceo, a distancia que nos separaba do porto onde deixaramos un par de
días antes o noso buque insignia, o “Eliseo”. Íamos ledos porque se nos
presentaba unha longa travesía na que teríamos que dobrar varias puntas e cabos
lendarios no imaxinario galego: Monte de Louro, O Pindo, Cabo da Nasa, Cabo de
Fisterra, Cabo Touriñan, Muxía co seu santuario da Barca, Cabo Vilán, e arribar
ao porto de Corme, pertencento ao concello de Ponteceso, berce do noso bardo
Eduardo Pondal.
Carta da singradura a realizar, aproximadamente 60 millas
Saímos do albergue cedo, sobre as 5,30 horas da mañana. Chegamos puntuais ao peirao, antes das seis da mañán. A previsión era estar fóra do porto de Muros a esa hora. Comezamos a arranxar todo o necesario e comprobamos que estábamos sen batería para arrincar o motor, o vello barreiros. Eran as seis da mañán dese chuvoso sábado, 29 de xullo. Abarloado a nós, tiñamos ao "Ave de paso" do noso amigo e compañeiro Fidel Simes. Afortunadamente, tiña unha pequena bateria que coa axuda do autoarrancador puido, finalmente, acender o barreiros. Saímos de Muros con media hora de retraso.
Na bocana esperaban os demais barcos que formaban o convoi "III Convoi Tesa a escota". Esperábannos unhas 60 millas náuticas por diante, unhas 12 horas de navegación a uns cinco nudos.
Superando o monte Louro
Fronte de nós o cabo Fisterra
Finalmente, foron algo máis polo neboeiro co que nos atopamos o pasar o cabo Fisterra e antes da Punta da Nao. Nese momento tamén comezou a chover con forza o que no obrigou a colocar o toldo do barco formando unha tenda de campaña coa que resgardarnos
No hay comentarios:
Publicar un comentario