martes, 15 de diciembre de 2020

 OS BARCOS DE PEDRA


Foto cedida por Oscar Molanes (Arquivo Xavier Blanco)

O termo "barcos da pedra" fai referencia a un tipo de embarcación que se empregaba antigamente para o transporte principalmente de pedra pero en ocasións tamén de area, troncos de madeira, así coma de persoas e mercancías entre unha ribeira e outra.

Sendo orixinalmente de madeira, unha das características máis importantes era que tiña o fondo casi plano  para poder navegar nos ríos ou arrimar nas praias con pouco calado e poder realizar a carga e a descarga. Nun principio navegaban a vela ata que a implantación do motor, que lles outorgaba maior potencia e rapidez, desprazou á forza do vento.

Eran embarcacións moi funcionais que valían para todo tipo de transporte, adaptándose ás circunstancias da demanda, de feito, en ocasións cargaban gando e outras mercadorías con destino ás feiras.

A tripulación estaba formada por un timonel  que dirixía e interpretaba os perigos da viaxe e a queixa das cadernas, e varios mariñeiros que cos seus esforzos asentaban a carga ata os límites da cabida destas pas flotantes que a ritmo de "requele requele" (amodiño), ían sorteando as bateas a xeito de abrigo, momentos que aproveitaban para saudar e conversar coas persoas que se atopaban traballando no mexilón. 

Durante un tempo Domaio converteuse no máis importante centro de localización deste tipo de embarcacións dentro da Ría de Vigo. Segundo recolle un traballo de campo feito pola A.C.F. Charaviscas, na primeira metade do S. XX operaban varias empresas que contribuíron  moito ao desenvolvemento do pobo, quedando na memoria da veciñanza nomes de barcos coma  "San Vicente", "Carmen" ou "Flor de Maio".

Cando os portos da ría gañaron unha importante función comercial, produciuse un forte aumento da demanda de materiais para a construcción, sobre todo de area e pedra. No caso da area, contaban con permisos de extracción normalmente nas praias de Barra, Rodas en Cíes e no río Verdugo.



En canto á pedra, destacou pola súa importancia e dimensións a canteira da Borna en Moaña. Dela extraeuse gran parte do material empregado para a construcción do Porto de Vigo. Era abrumadora a cantidade de homes e de mulleres que traballaban na carga do cachote e na elaboración do morrillo.

Durante as longas xornadas entre as diferentes viaxes ou á espera das marés, as tripulacións ían facendo a súa vida a bordo tirando proveito do espazo baleiro da cuberta na que tanto organizaban o rancho da comida coma quecían o frío  zapateando no taboado mentras cantaban e parrafeaban  historias que eles mesmos armaban sobre as viaxes.

XAVIER BLANCO

No hay comentarios:

Publicar un comentario