Onte, mércores, 23 de setembro,
representantes de Culturmar – Federación Galega pola Cultura Marítima e
Fluvial, do concello de Moaña e da asociación Sueste mantiveron unha reunión de
traballo coa Deputada Delegada de Patrimonio, Dª María Ortega, no Pazo
Provincial. Por parte de Culturmar, acudiu d. Jose Luis Sacau, presidente, d.
Marcos Buíde, vogal; polo concello de Moaña, Dª Coral Ríos, concelleira de
Promoción Económica e Turismo; por Sueste, d. Pablo Martínez, presidente, e d. Cándido
Miranda, vogal.
Na reunión tratouse especialmente das
posibles colaboracións do Departamento de Patrimonio da Deputación de
Pontevedra na organización do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de
Galicia que se desenvolverá entre os
días 5 e 8 de agosto do vindeiro ano 2021, na vila pontevedresa de Moaña. Coma
posíbeis achegas propuxéronselle varias liñas: en loxística (carpas,
sinalética, servizos e equipamento diverso); colaboración ou achega directa de
actividades culturais como exposicións, concertos e outras; impresión da
revista Ardentía; outras, como edición de folletos informativos.
A comisión organizadora do XV
Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia quedou constituída o pasado
día 12 de setembro e está formada por
unha presidencia, dúas vicepresidencias, un secretario, un tesoureiro e con
distintas comisións que abranguen os diferentes aspectos que conleva a preparación:
comisión de mar e navegación, comisión de loxística en terra, comisión de cultura,
comisión de voluntariado e participación veciñal e comisión de Comunicación. En
cada unha delas, e coordinadas por dúas persoas, hai alta participación de
membros de Culturmar, de Sueste, do concello de Moaña e outros colectivos e
entidades locais e comarcais que prestan a súa experiencia e coñecementos para
unha óptima arribada a porto.
A asociación Sueste en colaboración
co concello de Moaña e Culturmar será a encargada de organizar este acontecemento
de grande importancia para a cultura marítima e fluvial de Galicia. É a gran
Festa do Mar que reúne a máis dun centenar de embarcacións. Este evento convócase
cada dous anos e pretende dar a coñecer a gran riqueza patrimonial do mar
galego. A anterior edición, o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de
Galicia, realizouse en A Guarda.
Para esta ocasión prévese unha alta
participación, estímase arredor duns 120 barcos representativos da rica e
variada tipoloxía de embarcacións que enriquecen os mares de Galicia: galeóns,
racús, dornas, botes, gamelas, etc. Ao mesmo tempo, tamén haberá asistencia de
barcos foráneos, chegados de Euscadi, Andalucía, Irlanda, Portugal ou Francia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario