Concerto de "Blues do País"
O día 7 de agosto, organizado polo concello de Moaña e coa colaboración da Asociación Sueste, poidemos asistir a un espléndido espectáculo, o concerto de "Blues do país", no Eirado do Ferreiro.
O dúo está formado por Bieitta James, a grande Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King, o Bluesmanciño que a acompaña (Brais das Hortas).
Versións de clásicos do Blues, Soul, Rhythm’n’Blues… e adaptadas á idiosincrasia e retranca galegas. E dá gusto! Si, señora! Blues en galego! Otis Redding no peirao da Coruña, ou Etta James mariscando en Cabo da Crus, B.B. King nun furancho en Redondela ou Eric Clapton lendo a Castelao…
Todo iso é posible con Blues do País.
Música de calidade, en galego, misturada con teatro, clown e improvisación. Enerxía e entrega total en cada directo e unha discografía coidada no breve percorrido deste dúo galaico-mississipeño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario