domingo, 16 de noviembre de 2014

Roda de prensa

Con motivo da celebración da asemblea xeral da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial no noso estaleiro, convocouse de maña os medios de comunicación para un ha roda de prensa na que se leron dous manifestos en apoio dos estaleiro un por parte do noso presidente Pablo Martínez e outro por parte do presidente da Federación Manuel Sendón.


Imaxe da roda de prensa.

Notas de prensa.



NOTA DE PRENSA DA ASOCIACIÓN RECREATIVA E CULTURAL SUESTE

     Dende hai algún tempo saen novas sobre o a continuación do paseo  marítimo da Seara. Fálase da intención do alcalde do concello de Moaña de realizar este proxecto por fases, saltándose o mandato da maioría democrática cando foi rexeitado o proxecto, que el promove, no pleno municipal de marzo deste ano. A asociación Sueste descoñece calquera intención ao respecto pois non foi convocada polo alcalde e non mantén ningún contacto coa alcaldía dende hai moito tempo.

     A Asociación Recreativa e Cultural Sueste, que é membro da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) dende o seu nacemento, cursoulle convidación para a realización dunha das súas Asembleas Xerais en Moaña, concretamente aquí no estaleiro de Casqueiro. Esta invitación por parte de Sueste fíxose coa intención de recabarmos o apoio da FGCMF e das entidades ás que representa. A gran importancia deste apoio vén dado pola significación desta colectividade.

     A FGCMF está integrada actualmente por 45 corporacións que teñen en común o obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o Patrimonio Marítimo e Fluvial de Galicia, particularmente as embarcacións tradicionais que o integran. Hai que resaltar en gran medida que esta Federación pertence, dende  o ano 2009, a European Maritime Heritage (EMH), asociación de carácter  internacional que conta co abeiro da Unesco e asesora ás autoridades da  Unión Europea nos temas do patrimonio marítimo, converténdose no primeiro e único representante do Estado Español de pleno dereito no EMH. Ademais, en  setembro de 2010, no 7o Congreso de EMH a FGCMF foi nomeada membro do Comité executivo da EMH pasando a formar parte das comisións de Cultura e de Seguridade desa asociación.

     A asemblea xeral da FGCMF que terá lugar esta tarde e este mesmo acto neste entorno son outras máis das actuacións reivindicativas que a Asociación Sueste está a levar a cabo reclamando a conservación, rehabilitación e posta en valor dentro dun proxecto museístico dos estaleiros de Carlagho e Casqueiro que aínda se conservan no centro urbán moañés.Recentemente, presentáronse no concello de Moaña unhas oito mil sinaturas a prol do paseo marítimo da Seara. Sen entrarmos a discutir a validez ou non desas moitas sinaturas, temos que resaltar que nós, os membros da Asociación Sueste, tamén poderiamos subscribir ese manifesto xa que a Asociación Sueste non se opón ao paseo marítimo da Seara, pretendido por todos os vecinos de Moaña, senón que a súa firme oposición diríxese ao proxecto da empresa LAGARES e que é apoiado polo alcalde e que non contempla a rehabilitación destes estaleiros de Casqueiro e de Carlagho, xa pobre remanente do rico patrimonio mariñeiro que outrora houbo en Moaña.

     Os dous estaleiros en conxunto, con outras construcións e terreos adxacentes, poderían formar parte nun futuro a medio ou longo prazo dun proxecto museístico importante onde tiveran cabida todo tipo de recursos relacionados coas carpintarías de ribeira, as embarcacións e tamén as artes de pesca que ofrecer ás escolas, aos moañeses e a todos os visitantes que quixesen acompañarnos.

     O proxecto de Paseo Marítimo do que tratamos, transcorrindo neste tramo en conflito polo mar para salvaguardar e rehabilitar estas estruturas etnográficas e industriais de ribeira e darlles saída ao mar, así como a propia contemplación delas coas embarcacións alí gardadas, as ferramentas e a maquinaria de traballo nas carpintarías gañaría un enorme valor urbanístico enriquecendo calquera proposta que se faga sobre o paseo. Estamos propoñendo integrar totalmente os estaleiros de ribeira no propio paseo marítimo cunha intervención global sobre eles.

     Sería unha tremenda mágoa que deixaramos perder estas magníficas construcións que forman parte da cultura marítima galega. Dende hai varios anos estanse a valorizar todo tipo de construcións que forman parte da idiosincrasia dun pobo, mentres aquí no noso concello de Moaña queiramos desprendernos do pouco que aínda nos queda.


     No ano 2018, rematan as concesións que comprenden as carpintarías de ribeira de Casqueiro e de Carlagho. A Asociación Sueste contribuiría e colaboraría co concello de Moaña a que estes terreos revirtan ao patrimonio municipal sempre que fosen para o mantemento e posta en valor destas instalacións como un proxecto museístico.

NOTA DE PRENSA DA FEDERACIÓN GALEGA POLA CULTURA MARÍTIMA E FLUVIAL

     Fronte a ameaza de derrubo pola construción dun paseo marítimo, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) pronúnciase a favor da conservación das carpintarías de ribeira de “Carlagho” e “Casqueiro” de Moaña

     A Xunta Directiva da FGCMF da un apoio unánime á iniciativa emprendida pola A.C.R. Sueste de Moaña a prol da conservación destas instalacións da beiramar. Acordou asemade convocar a súa Asemblea para o sábado 14 de novembro en Moaña co gallo de informar sobre esta iniciativa ao resto das asociacións que compoñen a FGCMG e someter a votación un comunicado de apoio.

     Cando apenas quedan dous meses para iniciar o que o Parlamento Europeo denominou o Ano Europeo do Patrimonio Industrial e Técnico, a ameaza pende sobre un dos elementos máis característicos da beiramar galega, a carpintaría de ribeira. Un país que non se pode entender sen o mar, apenas rende tributo aos elementos patrimoniais que fixeron posíbel esta estreita vinculación. Nin as embarcacións tradicionais nin tan sequera o saber facer dos mestres carpinteiros de ribeira, labradores de árbores na beiramar para crear esas embarcacións, teñen consideración de bens patrimoniais. E, consecuentemente, tampouco as carpintarías de ribeira onde levaban a cabo o seu traballo. Unhas instalacións cun alto valor etnográfico que non foron consideradas nos plans urbanísticos das vilas costeiras.

     Porén, en pleno século XXI, cando a nivel europeo estase a apostar polo turismo cultural como elemento clave para comprender o valor dos elementos industriais e técnicos doutrora e crear conciencia para a súa preservación; cando xa no ano 1990 o propio Consello de Europa avogaba pola protección en conservación destes enclaves; e cando o estado español ratificou a Declaración da UNESCO de 2003 pola salvagarda do Patrimonio Inmaterial, peza clave para interpretar o patrimonio artesanal, non se concibe que unha actuación urbanística non teña en conta a posta en valor daqueles elementos singulares que permitiron, precisamente, o desenvolvemento desa vila.

     Grazas ao traballo de documentación levado a cabo pola A.C.R. Sueste de Moaña sobre os estaleiros de Ribeira de “Carlagho” e “Casqueiro”, unha vez valorada a súa importancia patrimonial, tendo en conta o seu potencial como elemento etnográfico nunha actuación máis ampla de turismo cultural sostíbel para Moaña e visto o éxito de actuacións semellantes neste eido en outros países, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, quere facer as seguintes consideracións:

     1.­ A FGCMF apoia as iniciativas de rexeneración e ordenación urbana como a que se quere levar a cabo na zona da Seara que leva implícita a exornación da franxa costeira e construción dun paseo marítimo. Porén esta actuación debe ser compatíbel coa conservación e posta en valor dos elementos patrimoniais que singularizaron dita contorna, nomeadamente
 as carpintarías de ribeira do “Carlagho” e “Casqueiro”.

     2.­ A FGCMF, apoia o estudo de alternativas que permitan esta conservación como o proxecto presentado pola A.V.V. A Praia – A Seara de Moaña, que integra modernidade e tradición.

     3.­ A FGCMF fai chamamento ás distintas administracións públicas para que, no momento de caducidade das concesións, as carpintarías de ribeira de “Carlagho” e “Casqueiro” pasen a ben público destinadas á divulgación dos saberes da construción naval en madeira, tal como aconteceu na vila de Bueu coa Carpintaría de Ribeira de “Purro”.

     4.­ A FGCMF apoia, en definitiva, o MANIFESTO POLA CONSERVACIÓN, POSTA EN VALOR E MUSEALIZACIÓN DAS CARPINTARÍAS DE RIBEIRA DE “CARLAGHO” E “CASQUEIRO” (MOAÑA).

     A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) constituíuse ano 1993. Está formada por 45 asociacións e entidades de Galicia que teñen como obxectivo defender, divulgar e dinamizar o Patrimonio Marítimo e Fluvial de Galicia e, particularmente, as embarcacións tradicionais. Como resultado desta traxectoria, a FGCMF forma parte, dende o ano 2009, da European Maritime Heritage (EMH), asociación de carácter internacional que conta co abeiro da Unesco e asesora ás autoridades da Unión Europea nos temas do patrimonio marítimo.

MOAÑA, a 15 de Novembro do 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario