ACTIVIDADE DE CARPINTARÍA DE RIBEIRA
Dentro
das varias actividades que a Asociación Sueste realiza ao longo de todo o ano
atópase a de mantemento e recuperación e rehabilitación das embarcacións
tradicionais galegas, actividade importante para a asociación pois tenta dar a
coñecer unha profesión en declive e que tivo moita importancia en Moaña e en
case todos os concellos ribeirás.
A actividade de
carpintaría de ribeira organizada pola asociación Sueste está aberta a todas as
persoas interesadas, sexan socios da asociación ou non teñan ningún tipo de
vinculación coa mesma. Levarase a cabo os sábados polas mañás, en horario de
aproximadamente de 10,00 a
12,30 horas no estaleiro que a asociación usufructúa na rúa Concepción Arenal,
nº 25 de Moaña, coñecido como estaleiro de “Carlagho”.
Para un mellor aproveitamento do curso e
por cuestións organizativas o número de prazas vai ser moi reducido (estará
limitado a unhas cinco persoas). Se o número de solicitudes fose máis numeroso
poderíase pensar en organizar varias quendas de traballo. A asignación das
prazas será por rigoroso orde de solicitude. O curso é totalmente gratuito,
subministrando a asociación os materiais que se precisen para levar a cabo a
actividade.
O programa do curso
correrá a cargo dun carpinteiro de ribeira moañés que se presta a colaborar coa
asociación Sueste no desenvolvemento desta actividade. A actividade pretende a
recuperación dun pequeño bote, auxiliar dun barco carboeiro e que foi cedido á
asociación por unha familia de Domaio. A recuperación desta embarcación
ampliará a flota de embarcacións da asociación. Ademáis
realizaranse outros labores de mantemento de pequenas embarcacións.
As solicitudes
remitiranse por correo electrónico ao enderezo da asociación asociacionsueste@gmail.com ,indicando
nome e apelidos, enderezo, correo electrónico ou teléfono de contacto, ou tamén
achegándose ao estaleiro da asociación, o estaleiro de “Carlagho”. Os menores de idade estarán debidamente autorizados
polos seus pais ou titores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario