Comunicado da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial
(Culturmar) sobre o conflito do Paseo da Seara en Moaña
Desde a Federación Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) vemos con preocupación o sucedido recentemente en Moaña relacionado coa construción do tramo do Paseo da Seara que discorre na zona dos estaleiros de Carlagho e Casqueiro.
En primeiro lugar queremos mostrar a nosa condena do intento de incendio do estaleiro de Casqueiro e da agresión a un socio da Asociación Cultural Sueste. Son dous actos que ademais de ilegais son incívicos e inadmisibles. Por todo isto queremos mostrar a nosa solidariedade coa familia Casqueiro e con Sueste por estes sucesos.
¿Por que hai que conservar os estaleiros?
Os estaleiros forman parte do noso patrimonio cultural. Así está recollido no proxecto de lei do Patrimonio Cultural de Galicia que está a tramitarse no Parlamento de Galicia, no que aparecen as carpinterías de ribeira como parte do patrimonio etnolóxico e susceptibles de ser declaradas Ben de Interese Cultural, a maior figura de protección da nosa lexislación.
O feito de ser parte do noso patrimonio xa sería suficiente motivo para a súa conservación, pero ademais son uns recursos valiosos desde o punto de vista social e económico. Socialmente forman parte da historia e a vida da xente de Moaña, son testemuña dun pasado vinculado ao mar, actualmente son parte importante da actividade dunha asociación dedicada á promover a conservación do patrimonio marítimo moañés, e son susceptibles dun proceso de musealización e activación que amplíe o número de persoas
que poidan desfrutar deles.
Economicamente, poden ser un pequeno motor para diversificar a actividade relacionada co mar con usos como visitas ao museo, cursos de carpintería, mantemento de embarcacións, etc.
Como exemplo similar do proposto para estes estaleiros pode verse en Bueu o taller de Purro, que corría o risco de desaparecer e foi incluído no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia pola Consellería correspondente, e vai ser restaurado para servir como espazo expositivo sobre a actividade dos carpinteiros de ribeira. O interese que a carpintería de ribeira desperta está demostrado polo curso de carpintería e mantemento de barcos que se organiza en Sada e que vai pola súa sexta edición. Fora de Galicia, o Concello de Orio acaba de mercar un vello estaleiro para restauralo e darlle nova vida con actividades expositivas e outras de tipo educativo, buscando a promoción da vila, do seu pasado mariñeiro e da actividade da carpintería de ribeira.
¿Por que hai que conservar o acceso ao mar dos estaleiros?
O Dr. Arquitecto Oscar Fuertes na súa recente tese de doutoramento sobre a arquitectura das carpinterías de ribeira galegas recolle o acceso ao mar como un elemento común a todas as estudadas por el (entre elas a de Casqueiro). O acceso ao mar é un dos elementos que definen as nosas carpinterías de ribeira. Se se elimina o acceso ao mar estaríase danando de forma irreversible a integridade dos estaleiros de Carlagho e Casqueiro.
Danar a integridade dun ben que forma parte do noso patrimonio é algo que vai contra os criterios de todos os organismos con responsabilidades en xestión do patrimonio cultural, desde a UNESCO á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Pero sobre todo, vai contra o sentido común eliminar o acceso ao mar cando existen posibilidades de rematar o Paseo sen danar os estaleiros.
Busca de solucións viables
Desde Culturmar entendemos o desexo de moitos veciños de Moaña de ver rematado o seu paseo marítimo polo que animamos ás administracións implicadas a buscar unha solución razoable a este problema, así e todo tamén entendemos que calquera solución que se propoña ten que salvagardar a integridade dos estaleiros, especialmente o seu acceso ao mar. Dispoñer de dous estaleiros en pleno casco urbano, nun razoable estado de conservación, con acceso ao mar e con actividade de construción e reparación de pequenos barcos é un privilexio que o Concello e veciños de Moaña deben valorar e saber sacar del un rendemento social e económico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario