viernes, 28 de julio de 2023

Rumbo Sada I

Moaña - Muros 

Onte, cedo, ás 7,15 horas da mañá, partiu o Eliseo cun grupo de socios de Sueste, rumbo a Sada para participar no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - 2023. 

A primeira etapa consistiu na navegación entre Moaña e Muros por fóra das illas de Ons e Sálvora e a unha distancia afastada de Corrubedo polos tan perigosos baixos que hai nesa zona. Case nove horas de navegación que deron para diferentes charlas, risos e bromas.



                O "Eliseo" atracadao xa en Muros, abarloadao ao "Abilleira"



A singradura foi tranquila, exceptuando dous tramos. O primeiro, a saída da ría de Vigo, pola canle norte onde se levantou algo de mar polo vento do norte e o segundo momento, polas aforas de Corrubedo cun mar de fondo e unhas vagas de metro e medio.


                                Entrando en Muros, ás 15,54


                                Deixando Monte Louro, pola popa


        Unha perspectiva diferente de As Cíes, deixándoas pola popa do Eliseo



Durante a travesía poidemos contemplar o xogo dos arroaces pola proa do barco, así coma unha quenlla de pequeno tamaño ou o voo das gaivotas e mascatos. Iremos subindo algún dos vídeos gravados dos arroaces.



miércoles, 5 de julio de 2023

NOTA DE PRENSA SOBRE O INCENDIO NA CARPINTERÍA DE RIBEIRA DE FRANCISCO FRA EN SAN CIBRAO

 

Incendio da Carpintaría de Francisco Fra en San Cibrao

 

Lamentabelmente repetiuse a historia, e desta volta tocou na Mariña Luguesa.

Onte fomos coñecedores da perda da carpintaría de ribeira de Francisco Fra por mor dun lume que, segundo todo apunta, foi provocado.

Non é un caso novo. No pasado non tan lonxano a carpintaría de Casqueiro, en Moaña, sufriu un episodio similar, e non nos resistimos a pensar que hai unha relación directa entre estes sinistros e os intereses urbanísticos que, de xeito completamente erróneo e interesado, contrapoñen un malentendido progreso á salvagarda dos nosos bens patrimoniais e culturais, como sen dúbida representa unha carpintaría de ribeira, actuando incluso en contra da necesaria desestacionalización e sostibilidade do turismo.

Pola súa propia definición, estas instalacións industriais milenarias ocupan áreas litorais que, co paso do tempo, foron soportando unha crecente e avasaladora presión urbanística, materializada na construción de paseos marítimos que na maior parte dos casos prescinden do valor histórico deses lugares, secuestran os seus usos tradicionais e contabilizan todo o seu valor en termos de interese turístico ou comercial.

Os colectivos de salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial galego, reunidos na

Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, temos que denunciar unha vez máis esta miope perspectiva. A cultura e o patrimonio, neste caso marítimo e industrial, representa un valor que suma, e suma moito máis que o cemento e o asfalto.

Así o corroboran distintos proxectos que, renacidos en algúns casos das cinzas dalgunhas destas carpintarías, volveron diametralmente a mirada e descubriron que a nosa historia, a  nosa cultura, e por suposto as instalacións industriais que, como esta carpintaría, representan xeracións de traballo, investigación e transmisión de saberes, son un valor único que toda a sociedade, desde as altas institucións a toda a cidadanía, debe coidar e preservar.

No caso particular de Fra, acabamos de perder unha das poucas carpintarías que quedan en Galicia coa súa fasquía tradicional, incluíndo multitude de obxectos e documentos que darían para encher as vitrinas dun grande museo. Estamos a falar de planos de barcosúnicos, construídos por Paco e polos seus antecesores, maquetas, medios cascos, pezas, ferramentas , maquinaria, fotografías e ... Folga seguir.

 

A convivencia entre o tradicional e o moderno non é en absoluto obxecto de rifa.

Recentemente téñense aprobado proxectos nos que esta cohabitación non só é posíbel, senón que ademais achega un valor significativamente maior. É o caso por exemplo de  Moaña, Bueu ou O Freixo, onde despois de anos de loita, finalmente as institucións(concellos afectados, deputacións, consellarías...), viron por fin a oportunidade de que as xentes, oriúndas e visitantes, teñan a posibilidade de desfrutar no percurso dos seus paseos das vellas carpintarías instaladas ao pé do mar onde tantas e tantas historias se teñen fraguado, desde as primeiras técnicas construtivas transmitidas de pais a fillos, ás tratas entre carpinteiros e armadores ou ás grandes singraduras daqueles navíos construídos nelas.

Pois así as cousas, de novo alguén virou costas á historia e ao futuro, e decidiu que o valor da carpintaría de Paco Fra equivale ao dunha montaña de cinza.

Desexamos rematar esta nota enviando unha enorme aperta ao noso compañeiro Paco, todo o apoio de Culturmar e do mundo da salvagarda do patrimonio e da cultura, con letras maiúsculas, así como un grito de rabia por este novo atentado contra algo que pertence a todo o pobo galego e unha chamada ás autoridades para que de maneira clara arrimen decididamente o ombreiro (e os recursos) para garantir que non se volva producir unha perda tan grave, e lamentabelmente reiterada, como esta e que definitivamente os elementos patrimoniais e identitarios do noso país fiquen protexidos fronte atrocidades como esta.

 

Recibe amigo Paco a nosa aperta e solidariedade.

 

Cambados, 5 de xullo de 2023

 Un incendio destruiu na madrugada do martes o estaleiro de ribeira de San Cibrao, o único deste tipo que- permanecía activo na provincia de Lugo. O seu propietario, Francisco Fra, quen se amosou convencido de que o incendio fora provocado, ensinou o seu labor e as súas instalacións no proxecto "Debullando Raíces" hai poucos meses.

Botadura do maior buque oceanogáfico español

 Hoxe, no estaleiro de Armón en Vigo, botouse o maior e máis moderno buque oceanográfico español, o "Odón de Buen ", barco cuns altísimas capacidades de investigación. Despraza 1700 toneladas e mide 84,3 metros de eslora. 

Colaboración co Junior Camp do Colexio Internacional SEK Atlántico

Como en outras edicións, dende a asociación Sueste colaboramos co desenvolvemento do Junior Camp do Colexio Internacional SEK ÇAtlántico, contamos para iso coa axuda inestimábel da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas.

Participamos con tres embarcacións grandes: o Eliseo, galeón da ría; o Coruxo, tamén galeón; e o Vigo 05, traiñeira. Os participantes foron 52 rapaces e rapazas, case todos de Madrid, que están realizando o campamento de verán nas instalacións do colexio SEK.


A traiñeira Vigo 05 navegando pola ría de Vigo.


Profesores do SEK e ao mesmo tempo tripulante do Eliseo

                                                                
                                                    O galeón Coruxo pola enseada de Moaña


domingo, 2 de julio de 2023

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA AXUDA ECONÓMICA Á ASOCIACIÓN SUESTE PARA A XVIII XUNTANZA DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE MOAÑA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, na sesión do 16 de xuño de 2023, aprobou a concesión de subvencións á entidades sen fins de lucro para a realización de actividades cuturais, ano 2023, correspondendolle á Asociación Sueste a cantidade de 861,44 euros para a organización e desenvolvemento da XVIII Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña, a celebrar no mes de agosto.

Este ano dase a circunstancia que este evento vaise celebrar xusto uns días despois do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se vai realizar na primeira fin de semana de agosto en Sada