martes, 5 de septiembre de 2023

O "Piueiro" rompe o fondeo e vai ás pedras

 Hoxe, de madrugada, o Piueiro, lancha xeiteira de A Guarda, foi contra as pedras. Este accidente debeuse, pola información que nos deron membros da propia entidade, á rotura do cabo do morto do fondeo.

Os danos, en espera de mellor valoración no estaleiro, non son graves no casco; non é así no motor e toda a instalación eléctrica que terán que ser arranxados. O barco trasládase a un estaleiro en A Pasaxe - A Guarda.

O Piueiro viña de participar tamén na actividade "Que inchadiña vela branca" que se levou a cabo o pasado sábado en Padrón, sendo de grande admiración que unha embarcación de tal porte poida navegar polo río Sar e achegarse ata a rosaliana vila.

A asociación Sueste púxose en contacto con membros da Asociación Piueiro para transmitirlles a nosa solidariedade e ofrecer a nosa colaboración para o que poidan precisar.
















A Meiga, dorna polbeira da asociación Sueste, participa na "Que inchadiña vela branca"

 A Meiga, dorna polbeira pertencente á Asociación Sueste, participou o pasado día 2 de setembro no evento que se celebra todos os anos en Padrón en homenaxe á nosa gran poetisa Rosalía de Castro.Máis dunha vintena de embarcacións, dornas especialmente, déronse cita no espolón de Padrón para realizar este acto tan emotivo. Izáronse as velas das embarcacións ao son do "Himno do Antigo reino de Galicia" e portáronse os remos en sinal de reverencia. Todo o acto foi presenciado por unha enorm multitude de persoas que ateigaban o paseo e o espolón de Padrón.