Non
sabemos a que veu vostede, Sr. Delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, a Moaña
a pasada semana, acompañado do sr. Fervenza e outros amigos e amigas. Está claro que a súa presenza só se pode deber
a dous motivos: ben, unha visita persoal; ou ben, unha visita institucional.
Se é no primeiro caso, congratulámonos
moito de que un persoeiro coma vostede, cun cargo público relevante, se achegue
a Moaña a gozar da súa paisaxe, das súas xentes e da súa gastronomía. O
concello ben poidera aproveitar tal
feito para iniciar unha campaña de promoción turística da nosa vila. Sempre é
de agradecer que grandes persoeiros coma vostede que son quen de arrastraren a moitas outras
persoas tras de si, nos quixesen acompañar nesas datas de entroido, e precisamente nese martes de carnaval.
Se é no segundo caso, lamentamos
moitísimo a posición excesivamente partidista que tomou, sendo vostede o
Delegado da Xunta de Galicia. É moi grotesco, como non podía ser de outro modo aparecendo
un martes de entroido, que un cargo institucional faga unha visita, entendemos
que oficial, a unha vila para apoiar non sabemos exactamente qué: Unha solución
consensuada do paseo?, Apoiar a un grupo de persoas que se manifestan
diariamente, pensamos, que de xeito ilegal?, Veu a interesarse por outras
posibles alternativas?, Entrevistarse coa aldaldesa de Moaña? Estamos
convencidos que o sr. Fervenza, hai tempo alcalde de Moaña e hoxe só
concelleiro dun partido na oposición, estará moi satisfeito e contento coa súa visita.
(Ides ver como eu teño “moita man” na Xunta. Voulle pedir ao Delegado da Xunta
que veña a Moaña e poña un pouco de orde). Xa veu vostede e demostrou unha
enorme falla de categoría para representar ese cargo institucional cando de
xeito burdo aparece en Moaña, de noite, sen comunicar oficialmente ao goberno
municipal (que lles guste ou non ao Partido Popular, hoxe son os representantes
da nosa vila) a súa visita nin a paralización das obras do paseo no tramo dos
estaleiros.
Pedímoslle a súa demisión, sr. López
Chaves, por non ostentar o cargo coa imparcialidade e dignidade que lle correspondería.
Sería unha mágoa pensar que os políticos que temos en Galicia teñen esa
mentalidade rácana e bananeira como a que vostede, sr. López Chaves, deixou ver
un martes de entroido en Moaña.
Ao sr. Fervenza e ao partido que o
apoia, teremos que recordarlle a nosa postura dende o inicio de toda esta
problemática: si queremos o paseo, non queremos ese proxecto. Para nós o único
responsable desta lamentable situación é vostede. A solución agora que está
encistada é compricada, especialmente coa mentalidade aldeá e cativa que amosa.
Esperamos que nas vindeiras eleccións á alcaldía, o Partido Popular presente a
alguén que mostre unha mellor calidade humana e política.
Cando na nosa primeira entrevista, na
alcaldía, sr. Fervenza, vostede nos
remitiu ao arquitecto Fernández Rivas, para que lle explicaramos as nosas
preocupacións e peticións para que o tivera en conta no Proxecto que estaba a
preparar do paseo de A Seara, non sospeitabamos que nos utilizaría, para as
súas fins, a nós xuntamente co deseñador do primeiro proxecto, Rivas.
Posteriormente, mantivemos algunhas
reunións máis, nas que lle expusemos as nosas ideas e reivindicacións ao
respecto. É máis, o día anterior ao Pleno Municipal de marzo de 2014 e, coma
deferencia por ser, vostede, o alcalde de Moaña naquel momento, mantivemos unha
entrevista, no seu despacho, na que lle adiantamos cal sería a nosa posición no
Pleno, solicitándolle que retirase ese proxecto que considerabamos moi pobre
para o que Moaña é merecedora. A resposta foi unha ameaza solapada: “… se me
apoiades haberá axudas…; se non, non haberá nada para vós…”. Nada orixinal, por
certo, unha mala tradución de “comigo ou contra min”. A partir de aquí, non
houbo ningunha entrevista máis, a pesar de telo solicitado.
O problema do paseo marítimo de A
Seara é que foi inicialmente ben enxendrado, ben concibido, pero moi mal parido
por culpa da súa parturenta, é dicir, vostede.
Requeríase, sr. Fervenza, unha mentalidade aberta, limpa, clara e sen ningún
interese alleo ao propio proxecto e teriase chegado a bo porto.
Sr. Fervenza, por manipulador, pechado
de ideas, nada limpo e pouco claro na súas actuacións, por asinar o que non
debería ter asinado, polas irregularidades no proxecto, pedimos a súa demisión
coma concelleiro polo ben de Moaña. Necesitamos políticos que saiban estar á
altura das circunstancias e que en vez de dar as explicacións onde teñen que
facelo, no foro de debate que corresponde, o faga, altofalante en man, na rúa.
QUE MÁGOA!!!
En
Moaña, a 16 de febrero de 2016.
A
Xunta Directiva da Asociación Sueste.
No hay comentarios:
Publicar un comentario