domingo, 11 de junio de 2017

Nota de prensa

NOTA DE PRENSA

Esta madrugada, actuando con total impunidade e aproveitando a noite, alguén prendeu lume no estaleiro de Casqueiro. Dende a Asociación Sueste quremos manifestar a nosa total repulsa e condena por tal acto, claramente “terrorista”, anunciado previamente nunha das pintadas que días atrás fixeran nos muros dos estaleiros e que di “este galpón vamos a derribar para que o pueblo poida pasear pola beiramar”. 

Este gravísimo feito, para a Asocición Sueste, ten claramente dous culpables: o autor ou autores materiais e os autores intelectuais e instigadores do delicto. Dos primeiros só podemos pensar nas paupérrimas mentes, retorcidas e demenciais que non teñen argumentos para defender a súa postura e optan por medidas drásticas, sendo parte e xuíces ao mesmo tempo, realizando actos sen sentido. Son dignos de compaixón e lástima porque non son quen de razoar e prever os danos de todo tipo que se derivan dunha acción deste calado e actúan coma brazo armado dos segundos. Estes son aqueles que, dende hai tempo, están creando un conflito onde non debería habelo, emporcando a toda a sociedade de Moaña e creando e fomentando inimizades veciñais.

Temos que congratularnos, sen embargo, de que non houbese vítimas mortais das que ter que lamentar aínda que si puido habelas dada a proximidade de vivendas ocupadas e edificios. Son varios e cuantiosos os danos producidos: 

   a) Un enorme dano moral, pois obríganos a pensar e lamentar que algunha xente de Moaña son quen de prexudicar gravemente aos propios conveciños, neste caso  a unha asociación de embarcacións tradicionais e que pretende a conservación dos estaleiros cara a unha futura musealización e tamén a outros particulares que gardaban a súa embarcación na carpintaría que ardeu.

   b) Un segundo e considerable dano aos bens materiais, falamos dunha nave, de varias embarcacións seis en total, tamén velas e pertrechos das embarcacións sinaladas, perdas económicas da moita cuantía para as persoas afectadas e para a asociación Sueste.

   c) E unha moita máis, ao noso entender, irreparable perda: un estaleiro catalogado cun valor etnográfico importante e algunha das embarcacións como o finn, de madeira, que foi campión olímpico na súa especialidade ou a dorna nai, embarcación dos anos cuarenta do pasado século que estaba sendo recuperada por Sueste, ademais de toda a ferramenta e trazados de embarcacións que se atopaban  no andar de gálibos. É significativo que a Xunta apróbase onte mesmo a catalogación das embarcacións tradicionais e do saber facer dos nosos carpinteiros de ribeira.

Sempre apostamos polo diálogo, cando nos permitiron expresar a nosa opinión e ideas. Sempre crimos que con boa vontade por parte de todos os afectados se podería chegar a un acordo que satisfixese a todos. Vemos que estabamos equivocados, con algunha xente non hai ningunha posibilidade de diálogo. Imos esixir á todas as autoridades a involucración total para o esclarecemento dos autores do lume. Este delicto non pode quedar impune.

A Asociación Sueste adhírese, como non podía ser de outra maneira, á convocatoria realizada dende o equipo de goberno para una concentración para mañá, domingo, ás 19 horas, nas inmediacións do centro de Saúde de Moaña para manifestar a total repulsa polo acto de queima do estaleiro de Casqueiro e a favor dunha convivencia pacífica e solicitamos a todos os veciños de ben a que nos acompañen nesta concentración

En Moaña, a 10 de xuño de 2017

A Xunta Directiva da Asociación Sueste. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario