Moción a presentar no pleno o próximo Xoves dia 29 as 20:00 horas.
MOCIÓN DA ASOCIACIÓN SUESTE AO PLENO DA CORPORACIÓN DO CONCELLO DE MOAÑA SOBRE O ATENTADO REALIZADO CONTRA O CONXUNTO DAS CARPITERÍAS DE RIBEIRA CASQUEIRO E CARLAGHO, EN PROCESO DE DECLARACIÓN DE BEN DE INTERÉS CULTURAL.
MOCIÓN DA ASOCIACIÓN SUESTE AO PLENO DA CORPORACIÓN DO CONCELLO DE MOAÑA SOBRE O ATENTADO REALIZADO CONTRA O CONXUNTO DAS CARPITERÍAS DE RIBEIRA CASQUEIRO E CARLAGHO, EN PROCESO DE DECLARACIÓN DE BEN DE INTERÉS CULTURAL.
Ante os gravísimos feitos acontecidos na noite do 9 ao 10 de xuño de 2017,
na que se perpetrou un atentado contra o conxunto que compoñen os estaleiros de
ribeira Carlagho e Casqueiro( en proceso de declaración de BIC pola Xunta de
Galicia) e téndose establecido un ámbito de protección sobre as mesmas e a súa
contorna, feitos que concluíron cun incendio intencionado que rematou coa
destrución da Carpintería de Casqueiro e provocou danos na de Carlagho, a
Asociación Sueste considera necesario traer ao Pleno do Concello de Moaña este
tema, que debe tratarse dende o ámbito político e institucional en base a
seguinte exposición de motivos:
PRIMEIRO.- Este atentado require unha resposta institucional unánime,
clara, directa e sen paliativos.
Esta acción violenta que se produce no contexto dunha discrepancia política
a respecto de como resolver unha zona moi complexa, a Seara, con moi distintos
actores, tanto públicos como privados, así como distintas administracións
públicas.
O atentado supón a rotura do xogo e as regras democráticas, cunha falla de
respecto evidente as decisións democráticas que as institucións teñen adoptado.
Así tamén, debe considerarse como agravante o feito de que o conxunto contra
o que se produce este ataque está en proceso de declaración de BIC, cunha
protección establecida, tanto para as edificacións, como para o seu contido. Máis
tamén debe considerarse como agravante o feito de que se cometa o ataque o
mesmo do día da publicación do DOG da resolución da Xunta de catalogar a
Técnicas e Coñecementos da Carpintería de Ribeira como Patrimonio Inmaterial
Galego.
Polo tanto, debe valorarse e denunciarse a intencionalidade clara do mesmo.
Non somentes era a destrución do conxunto protexido, senón ademais evitar a súa
catalogación por parte de Patrimonio como BIC.
Cabe así mesmo resaltar que o Pleno do Concello de Moaña tense manifestado
con maioría cualificada en varias ocasións expresando unha decidida vontade
pola conservación e rehabilitación deste conxunto.
Resulta, finalmente, unha agresión sen precedentes aos elementos
identitarios que deron lugar o inicio do expediente de declaración de BIC, pero
é tamén, sen dúbida, un atentado contra os sinais de identidade e a memoria
colectiva do pobo de Moaña
SEGUNDO.- Debe existir un compromiso unívoco, por parte de todos os actores
políticos e sociais, de establecemento dun novo clima, dentro do marco de
actuación política, que permita a convivencia pacífica e o debate de ideas,
baixo as normas do xogo democrático. A controversia e o debate político deben
estar a salvo do emprego irresponsábel e inconsciente de medios que conducen a
este tipo accións violentas. Os insultos, a manipulación, as ameazas, as
agresións e descualificacións verbais deben desterrarse definitivamente do
escenario social e institucional de Moaña.
TERCEIRO.- Este atentado constitúe un acto delictivo, cunha
intencionalidade política e como tal debe calificarse dende o Pleno da Corporación
Municipal, que deberá exixir unha acción policial e xudicial que identifique
aos executores materiais e permitan que se lles poida pedir contas
xudicialmente.
CUARTO.- Resulta urxente que se aseguren e acometan traballos de protección
na zona, para evitar que os restos, estruturas e o conxunto protexido sofran
máis danos ou se deterioren máis, se cabe.
Debería realizarse, dende a administración pública, un plan de continxencia
para actuar nos estaleiros, tendo claro que este atentado se comete dentro dun
escenario político e plenamente vinculado a este. Debe ser, en consecuencia, a Administración
quen asuma e se responsabilice de ter a iniciativa e quen desenvolva un plan de
actuación para protexer o conxunto e acometer os labores que eviten calquera
risco para persoas ou bens, realizar os labores de desentullo e limpeza da
parcela, que procure a recuperación de calquera elemento que sexa susceptíbel
de conservación e que teña valor dende o punto de vista etnográfico.
QUINTO.- O atentado e a destrución do estaleiro de Casqueiro non vai
interromper o proceso de declaración de BIC, polo que o ámbito de protección
vai a manterse.
A declaración de BIC debe considerarse como un legado de responsabilidade
para o Concello de Moaña, que deberá poñer en valor e manterse, polo que é
imprescindíbel un acordo político entre todas as administracións con
responsabilidades no ámbito de protección do conxunto para que se poida
acometer con urxencia un proxecto reconstrutivo, coa rehabilitación do
Estaleiro e cun tratamento coherente e homoxéneo a todo o conxunto, que conclúa coa
musealización.
Por todo isto, a Asociación Sueste solicita ao Pleno da Corporación do
Concello de Moaña a adopción dos seguintes acordos:
1. Unha condena contundente, clara e sen paliativos, dos feitos perpetrados
contra o conxunto en proceso de declaración como BIC, estaleiros de Casqueiro e
Carlagho, que levou a destrución da Carpintería de Casqueiro, cualificando o
mesmo como “atentado contra o patrimonio”.
2. Reclamar tanto das autoridades policiais e xudiciais unha implicación
absoluta no esclarecemento dos feitos e na localización e posta a disposición
xudicial dos autores materiais deste atentado. Así tamén que o Concello remita
a Fiscalía e todas as administracións implicadas toda a información relativa ao
proceso no que se ten solicitada a declaración de BIC deste conxunto e as obras
relativas ao chamado “Paseo da Seara”, na medida en que poida aportar
información de valor. Así tamén que o Concello de Moaña se persoe como
acusación particular, no caso de que as dilixencias policiais permitisen a
posta a disposición xudicial do autores.
3. Que o Concello de Moaña, emprenda as xestións necesarias para que as
Administracións con competencia neste ámbito, ou en caso de inhibición destas e
con carácter subsidiario acometa e asuma os labores para:
3.1. Evitar novos danos ao conxunto protexido.
3.2. Recuperar e manter a seguridade do conxunto, e repoñer a seguridade para
persoas e para os bens na inmediación do conxunto protexido e permita, a maior
brevidade posíbel, a circulación pola rúa Concepción Arenal.
3.3. A realización de obras que impidan
un maior deterioro ou unha maior destrución do conxunto.
3.4. Que se inicie os traballo de limpeza e desentullo na Carpintería de
Casqueiro, procurando na medida do posible a recuperación, catalogación e
inventario de restos que poidan ser susceptíbeis, ou posúan valor dende o punto
de vista etnográfico. Así tamén que se traten as zonas afectas na carpintería
de Carlagho.
4. Reclamar de Costas do Estado a reversión ao Concello de Moaña dos terreos
onde está situado o conxunto dos estaleiros de ribeira Carlagho e Casqueiro,
así como todo conxunto obxecto de protección por parte de Patrimonio.
5. Acometer as xestións necesarias, diante de quen competa, para a realización
dun proxecto que permita a reconstrución e rehabilitación do estaleiro de
Casqueiro e o tratamento de todo o conxunto de declaración como BIC, que
conclúa coa posta en valor do mesmo e a musealización dos estaleiros de ribeira
de Moaña.
En Moaña a 23 de xuño de 2017.
Directiva da Asociación Sueste
No hay comentarios:
Publicar un comentario