lunes, 23 de marzo de 2015

Irregularidades no proxecto do paseo da Seara

En reunión da Xunta Directiva da Asociación Sueste, de data de 15 de febreiro dos correntes, tomouse o acordo de enviar senllos escritos a diferentes organismos, entre eles: Consellería de Mar e Medio Ambiente, Axencia Galega de Infraestruturas, Servizo de Costas de Pontevedra e Concello de Moaña, nos seguintes termos que expoñemos a continuación: 

Consideramos puntos escuros do proxecto “Paseo de A Seara” moitos aspectos que se dan no expediente do paseo marítimo que obra no concello de Moaña. Estes puntos negros son anomalías ou posibles irregularidades ás que lles poderemos dar resposta nun futuro de modo máis contundente, se for preciso. 
Pasamos a numerar estes aspectos: 

A) Aspectos Políticos:

A.1.) O proxecto de “Paseo de A Seara” foi rexeitado no Pleno Municipal de Moaña de data de 27 de marzo de 2014, no que tamén se rexeitou a expropiación de terreos para a consecución desta obra. (Faro de Vigo, 28/03/14).

A.2.) No Pleno do 26 de decembro de 2014, aprobouse a moción presentada pola Federación de Asociacións de Veciños “A Chamusca” de Moaña pedindo unha pasarela pilotada sobre o mar para salvagardar os estaleiros de Carlagho e Casqueiro. (Faro de Vigo, 27/12/14)

A.3.) Portos de Galicia, ente público dependente da Consellaría de Medio Rural e Mar pretende imprantar rotas marítimas de navegación por todo o litoral de Galicia, vinculadas á cultura, ao patrimonio histórico e natural e á enoloxía, introducindo estas actividades no programa internacional NEA-3 que pretende o desenvolvemento da náutica recreativa. (Faro de Vigo 26/12/2014).
Os estaleiros aos que se fai referencia forman parte do patrimonio industrial, etnográfico e histórico do pobo de Moaña, vila mariñeira.

A.4.) A Deputación de Pontevedra lidera un proxecto transfronteirizo “Proamare” co obxectivo de promover e revitalizar todos os elementos patrimoniais marítimos. Curiosamente a Asociación Sueste forma parte deste programa.
Ao igual que o anterior, todos os organismos buscan revitalizar estes elementos patrimoniais, menos o alcalde de Moaña co seu proxecto de paseo marítimo.

A.5.) A modificación do Proxecto contemplando unha solución técnica que non afecte ás carpintarías de ribeira é apoiado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) e pola Federación de Asociacións de Veciños de Moaña “A Chamusca”. (Faro de Vigo, 25/04/14) (Faro de Vigo, 16/11/14).

A.6.) O pasado 17 de decembro de 2014, convocada polo Xefe Territorial da Consellaría, d. José Luís Díez, houbo unha reunión na que participaron representantes da Axencia Galega de Infraestruturas, e representantes da FGCMF e a Asociación Sueste, na que houbo un compromiso verbal por parte da Administración de buscarlle unha solución que non afectase ás Carpintarías de ribeira.(Faro de Vigo, 20/12/14)
Ata agora confiouse en que isto sería así e vemos que novamente volven incumprir os seus compromisos e o alcalde de Moaña volve coa súa política de “Feitos Consumados”, ocultando novamente información (Faro de Vigo, 15/12/14).

B) Técnicos. Recollidos en dous informes redactados e avalados por un Arquitecto Superior e un Enxeñeiro Superior.

B.1.) O redactor do Proxecto non está habilitado para a súa redacción. Esta redacción debera estar asinada por un arquitecto Superior ou un Enxeñeiro Superior de Camiños, Canles e Portos. Calquera outra titulación invalidaría o proxecto.

B.2.) Este proxecto de paseo marítimo, segundo o informe técnico anterior, non é posible realizalo mentres non estea aprobado e desenvolvido o Plan Especial PE1 A Seara, segundo o PXOM de Moaña.

B.3.) O informe técnico anterior precisa que o expediente debera ter exposición pública. Non temos coñecemento que esta fose realizada.

B.4.) Hai moitos erros e omisións na memoria descritiva:
-  non hai apenas referencia ás lexislacións que se aplicarían; 
- falta apartado de cartografía, topografía e replanteo do proxecto; 
- falta incluír un apartado de acción sísmicas; - - falta apartado de climatoloxía e hidroloxía; 
- falta apartado de movemento de terras; 
- falta apartado de firmes e pavimentos; 
- falta apartado de estruturas; 
- falta apartado de coordinación con outros organismos e servizos afectados; 
- falta apartado de sinalización, balizamento e defensas; 
- falta que esta memoria vaia asinada polo autor e polo Director do Proxecto.

B.5.) Faltan os seguintes Anexos: 
- Anexo de Trazado, 
- Anexo de Movemento de Terras, 
- Anexo de Firmes e Pavimentos, 
- Anexo de Drenaxe, 
- Anexo de Sinalización, Balizamento e Defensas, 
- Anexo de Planeamento Urbanístico, 
- Anexo de Coordinación con outros Organismos e Servizos, 
- Anexo de revisión de Prezos, 
- Anexo de Obras Complementarias, 
- Anexo de Clasificación do Contratista, 
- Anexo de Orzamento para Coñecemento da Administración.

B.6.) Dos anexos incluídos no proxecto pódese dicir que varios deles non teñen que ir asinados; outros deben ir asinados e non o están, os que están asinados os son “polo equipo redactor” e non polo facultativo correspondente.

B.7.) Outras moitas irregularidades que se dan no proxecto e son moi prolixas de comentar, con respecto ao Deslinde Marítimo – Terrestre, aos Bens, Dereitos e Servizos Afectados, ás Estruturas Edificación, á Incidencia Ambiental, ao Estudo de Seguridade e Saúde, ao Control de Calidade, ao Plan de Obra, ao Estudo de Xestión de Refugallos, á Xustificación de Prezos, á Reportaxe Fotográfica.

B.8.) Con respecto aos planos, en xeral veñen con moi pouca definición, mestúranse planos, inclúense algúns que non se precisan. Falta a sinatura do Director de Obras e do Autor do proxecto. Nunca o equipo redactor.

C) Burocráticos:

C.1.) Segundo o informe do Servizo de Costas de Pontevedra, que non tivo entrada no concello, di en referencia ás concesións de Casqueiro e de Carlagho “…procede a declaración da súa caducidade, sen prexuízo da data da terminación da mesma no ano 2018, dado que non se emprega para o fin no que foi outorgada”. Por unha parte,  as naves están sendo utilizadas pola Asociación Sueste con actividades afíns ás da concesión; por outra parte, non se procedeu á declaración de caducidade das concesións ou polo menos non se lles comunicou aos interesados.

C.2.) No mesmo informe do Servizo de Costas de Pontevedra, que non  ten entrada no concello, recoñece na actualidade a ocupación da concesión en vigor, ata o ano 2018. Coa actual lei de Costas quizais se poidan prorrogar ditas concesións.

C.3.) O artigo 27 da lei 22/1988 de 28 de xullo, de Costas, no seu punto 3, di que “…substituirase a zona de servidume por outra nova en condicións análogas, na forma na que se sinale pola administración do estado”.
 Neste caso non se realiza tal substitución.

C.4.) No informe que expide o Secretario do Concello de Moaña di. “…poderá aprobarse o proxecto se se inclúe a aprobación de declaración de caducidade”.
 Non se realizou este expediente de declaración de caducidade.

C.5.) Na conclusión do mesmo informe anterior, o secretario informa que a comisión de goberno ou o alcalde “…poderá  adoptar o acordo cos condicionantes antes expostos”.
 Estes condicionantes ao noso entender impiden levar a cabo as obras referidas.

C.6) Nas autorizacións que os veciños asinaron para a cesión dos seis metros, atopámonos cunha tremenda situación paradóxica:
C.6.1. Por unha parte, os veciños ceden esa franxa de terreo que recoñecen que é de servidume marítimo terrestre e, polo tanto non lles pertence,
C.6.2. E, por outra, esta cesión non lles suporá perda das súas propiedade, referíndose aos metros correspondentes á servidume marítimo terrestre.


D) Lexislativos.

D.1.) Segundo o artigo 52, punto 1 do Real Decreto 876/2014, de 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Costas: A servidume de tránsito recaerá sobre unha franxa de seis metros…. Esta zona deberá deixarse permanentemente expedita para o paso público  peonil.
Segundo o punto 3: Tamén poderá ser ocupada para a execución de paseos marítimos (artigo 27 da lei 22/1988, de 28 de xullo).
Segundo punto 6: A obrigación de deixar expedita a zona de servidume de tránsito refírese tanto ao solo como ao voo e afecta a todos os usos que impidan a efectividade da servidume.
 Isto afectaría tamén ao local que ocupa o Club de Xubilados Nosa Señora do Carme de Moaña, no que se contempla unha pasarela de madeira sobre o mar. E a outras edificacións públicas e privadas na beiramar.

D.2) O artigo 95, punto 1 do anterior Real Decreto do Regulamento Xeral de Costas sobre localización dos paseos marítimos di textualmente: 
“Os paseos marítimos localizaranse fóra da ribeira do mar e serán preferentemente peonís (artigo 44.5 da lei 22/1988, de 28 de xullo)”. 
Entendemos que non se podería incluír dentro desta zona de seis metros o carril-bici pois as bicicletas teñen a consideración de vehículos

D.3) Con respecto ás servidumes de acceso ao mar, no Real Decreto de Regulamento Xeral de Costas na súa Disposición transitoria duodécima que desenvolve os apartados 5 e 6 da disposición transitoria terceira da lei 22/1988, de 28 de xullo, di:
“1. As servidumes de paso ao mar actualmente existentes manteranse nos termos en que foron impostas.
2. Os accesos públicos ao mar actualmente existentes e os construídos en virtude de prantexamento urbanístico aprobado con anterioridade á entrada en vigor da Lei 22/1988, de 28 de xullo, permanecerán destinados ao uso público, abríndose ao mesmo cando non o estivesen (disposición transitoria terceira 5 e 6 da Lei 22/1988, de 28 de xullo)”.
O proxecto do Paseo Marítimo de A Seara contempla triunfalisticamente un acceso ao mar, pero non explica que se perderían catro, algo que non permite a Lei de Costas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario