sábado, 5 de agosto de 2023

Rumbo Sada II

IMOS A CORME


Pasamos a noite os tripulantes que chegaramos de Moaña, nas instalacións que goza o club de remo de Muros, onde dispón de varios dormitorios con liteiras. Estivemos toda a noite escoitando “un marabilloso concerto nocturno interpretado por diferentes barítonos a varias voces que deleitaban os nosos oídos”. Espectacular!!!

Ao erguernos, vimos que non deixara de chover en toda a noite e… Non tiñamos roupa de augas!!! Aínda así percorremos, baixo as bágoas que caían do ceo, a distancia que nos separaba do porto onde deixaramos un par de días antes o noso buque insignia, o “Eliseo”. Íamos ledos porque se nos presentaba unha longa travesía na que teríamos que dobrar varias puntas e cabos lendarios no imaxinario galego: Monte de Louro, O Pindo, Cabo da Nasa, Cabo de Fisterra, Cabo Touriñan, Muxía co seu santuario da Barca, Cabo Vilán, e arribar ao porto de Corme, pertencento ao concello de Ponteceso, berce do noso bardo Eduardo Pondal.



                        Carta da singradura a realizar, aproximadamente 60 millas




O gardacostas da Xunta de Galicia, Sebastián de Ogando, en Muros, esperando a saída de todos os barcos da frota


Na bocana do porto de Muros

Saímos do albergue cedo, sobre as 5,30 horas da mañana. Chegamos puntuais ao peirao, antes das seis da mañán. A previsión era estar fóra do porto de Muros a esa hora. Comezamos a arranxar todo o necesario e comprobamos que estábamos sen batería para arrincar o motor, o vello barreiros. Eran as seis da mañán dese chuvoso sábado, 29 de xullo. Abarloado a nós, tiñamos ao "Ave de paso" do noso amigo e compañeiro Fidel Simes. Afortunadamente, tiña unha pequena bateria que coa axuda do autoarrancador puido, finalmente, acender o barreiros. Saímos de Muros con media hora de retraso. 



Saíndo de Muros



Na bocana esperaban os demais barcos que formaban o convoi "III Convoi Tesa a escota". Esperábannos unhas 60 millas náuticas por diante, unhas 12 horas de navegación a uns cinco nudos. 


Parte da frota



                                        Superando o monte Louro



                                            Fronte de nós o cabo Fisterra

Finalmente, foron algo máis polo neboeiro co que nos atopamos o pasar o cabo Fisterra e antes da Punta da Nao. Nese momento tamén comezou a chover con forza o que no obrigou a colocar o toldo do barco formando unha tenda de campaña coa que resgardarnos




Dobrando Cabo Fisterra

                                               
                                Un brinde para celebrarmos o paso polo Cabo Fisterra




                                            Comeza a chegar a nós o neboeiro e a chuva



Dobrando outro cabo mítico, Touriñan


Imos á altura de cabo Touriñán despois dunha boa molladura



Pasando por Muxía coa súa pedra de abalar





Outro reto superado, cabo Vilán

Finalmente, o Eliseo quedou atracado no porto de Corme sobre as 18,00 horas

viernes, 28 de julio de 2023

Rumbo Sada I

Moaña - Muros 

Onte, cedo, ás 7,15 horas da mañá, partiu o Eliseo cun grupo de socios de Sueste, rumbo a Sada para participar no XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - 2023. 

A primeira etapa consistiu na navegación entre Moaña e Muros por fóra das illas de Ons e Sálvora e a unha distancia afastada de Corrubedo polos tan perigosos baixos que hai nesa zona. Case nove horas de navegación que deron para diferentes charlas, risos e bromas.



                O "Eliseo" atracadao xa en Muros, abarloadao ao "Abilleira"



A singradura foi tranquila, exceptuando dous tramos. O primeiro, a saída da ría de Vigo, pola canle norte onde se levantou algo de mar polo vento do norte e o segundo momento, polas aforas de Corrubedo cun mar de fondo e unhas vagas de metro e medio.


                                Entrando en Muros, ás 15,54


                                Deixando Monte Louro, pola popa


        Unha perspectiva diferente de As Cíes, deixándoas pola popa do Eliseo



Durante a travesía poidemos contemplar o xogo dos arroaces pola proa do barco, así coma unha quenlla de pequeno tamaño ou o voo das gaivotas e mascatos. Iremos subindo algún dos vídeos gravados dos arroaces.



miércoles, 5 de julio de 2023

NOTA DE PRENSA SOBRE O INCENDIO NA CARPINTERÍA DE RIBEIRA DE FRANCISCO FRA EN SAN CIBRAO

 

Incendio da Carpintaría de Francisco Fra en San Cibrao

 

Lamentabelmente repetiuse a historia, e desta volta tocou na Mariña Luguesa.

Onte fomos coñecedores da perda da carpintaría de ribeira de Francisco Fra por mor dun lume que, segundo todo apunta, foi provocado.

Non é un caso novo. No pasado non tan lonxano a carpintaría de Casqueiro, en Moaña, sufriu un episodio similar, e non nos resistimos a pensar que hai unha relación directa entre estes sinistros e os intereses urbanísticos que, de xeito completamente erróneo e interesado, contrapoñen un malentendido progreso á salvagarda dos nosos bens patrimoniais e culturais, como sen dúbida representa unha carpintaría de ribeira, actuando incluso en contra da necesaria desestacionalización e sostibilidade do turismo.

Pola súa propia definición, estas instalacións industriais milenarias ocupan áreas litorais que, co paso do tempo, foron soportando unha crecente e avasaladora presión urbanística, materializada na construción de paseos marítimos que na maior parte dos casos prescinden do valor histórico deses lugares, secuestran os seus usos tradicionais e contabilizan todo o seu valor en termos de interese turístico ou comercial.

Os colectivos de salvagarda do patrimonio marítimo e fluvial galego, reunidos na

Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, temos que denunciar unha vez máis esta miope perspectiva. A cultura e o patrimonio, neste caso marítimo e industrial, representa un valor que suma, e suma moito máis que o cemento e o asfalto.

Así o corroboran distintos proxectos que, renacidos en algúns casos das cinzas dalgunhas destas carpintarías, volveron diametralmente a mirada e descubriron que a nosa historia, a  nosa cultura, e por suposto as instalacións industriais que, como esta carpintaría, representan xeracións de traballo, investigación e transmisión de saberes, son un valor único que toda a sociedade, desde as altas institucións a toda a cidadanía, debe coidar e preservar.

No caso particular de Fra, acabamos de perder unha das poucas carpintarías que quedan en Galicia coa súa fasquía tradicional, incluíndo multitude de obxectos e documentos que darían para encher as vitrinas dun grande museo. Estamos a falar de planos de barcosúnicos, construídos por Paco e polos seus antecesores, maquetas, medios cascos, pezas, ferramentas , maquinaria, fotografías e ... Folga seguir.

 

A convivencia entre o tradicional e o moderno non é en absoluto obxecto de rifa.

Recentemente téñense aprobado proxectos nos que esta cohabitación non só é posíbel, senón que ademais achega un valor significativamente maior. É o caso por exemplo de  Moaña, Bueu ou O Freixo, onde despois de anos de loita, finalmente as institucións(concellos afectados, deputacións, consellarías...), viron por fin a oportunidade de que as xentes, oriúndas e visitantes, teñan a posibilidade de desfrutar no percurso dos seus paseos das vellas carpintarías instaladas ao pé do mar onde tantas e tantas historias se teñen fraguado, desde as primeiras técnicas construtivas transmitidas de pais a fillos, ás tratas entre carpinteiros e armadores ou ás grandes singraduras daqueles navíos construídos nelas.

Pois así as cousas, de novo alguén virou costas á historia e ao futuro, e decidiu que o valor da carpintaría de Paco Fra equivale ao dunha montaña de cinza.

Desexamos rematar esta nota enviando unha enorme aperta ao noso compañeiro Paco, todo o apoio de Culturmar e do mundo da salvagarda do patrimonio e da cultura, con letras maiúsculas, así como un grito de rabia por este novo atentado contra algo que pertence a todo o pobo galego e unha chamada ás autoridades para que de maneira clara arrimen decididamente o ombreiro (e os recursos) para garantir que non se volva producir unha perda tan grave, e lamentabelmente reiterada, como esta e que definitivamente os elementos patrimoniais e identitarios do noso país fiquen protexidos fronte atrocidades como esta.

 

Recibe amigo Paco a nosa aperta e solidariedade.

 

Cambados, 5 de xullo de 2023

 Un incendio destruiu na madrugada do martes o estaleiro de ribeira de San Cibrao, o único deste tipo que- permanecía activo na provincia de Lugo. O seu propietario, Francisco Fra, quen se amosou convencido de que o incendio fora provocado, ensinou o seu labor e as súas instalacións no proxecto "Debullando Raíces" hai poucos meses.

Botadura do maior buque oceanogáfico español

 Hoxe, no estaleiro de Armón en Vigo, botouse o maior e máis moderno buque oceanográfico español, o "Odón de Buen ", barco cuns altísimas capacidades de investigación. Despraza 1700 toneladas e mide 84,3 metros de eslora. 

Colaboración co Junior Camp do Colexio Internacional SEK Atlántico

Como en outras edicións, dende a asociación Sueste colaboramos co desenvolvemento do Junior Camp do Colexio Internacional SEK ÇAtlántico, contamos para iso coa axuda inestimábel da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas.

Participamos con tres embarcacións grandes: o Eliseo, galeón da ría; o Coruxo, tamén galeón; e o Vigo 05, traiñeira. Os participantes foron 52 rapaces e rapazas, case todos de Madrid, que están realizando o campamento de verán nas instalacións do colexio SEK.


A traiñeira Vigo 05 navegando pola ría de Vigo.


Profesores do SEK e ao mesmo tempo tripulante do Eliseo

                                                                
                                                    O galeón Coruxo pola enseada de Moaña


domingo, 2 de julio de 2023

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONCEDE UNHA AXUDA ECONÓMICA Á ASOCIACIÓN SUESTE PARA A XVIII XUNTANZA DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE MOAÑA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, na sesión do 16 de xuño de 2023, aprobou a concesión de subvencións á entidades sen fins de lucro para a realización de actividades cuturais, ano 2023, correspondendolle á Asociación Sueste a cantidade de 861,44 euros para a organización e desenvolvemento da XVIII Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña, a celebrar no mes de agosto.

Este ano dase a circunstancia que este evento vaise celebrar xusto uns días despois do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se vai realizar na primeira fin de semana de agosto en Sada